PCRs salivais en San Valentín

PCRs salivais en San Valentín
05 de Febreiro, 2021 - 04:08 h. | Publicada por Radio Fene

Xa se coñecen máis datos sobre o cribado en busca de contaxios asintomáticos que o SERGAS vai efectuar en Fene ao longo da semana que vén. O dispositivo comezará ás 10.00h. do luns con cita previa a través de SMS a arredor de 7.700 persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 65 anos. Só serán citadas veciñas e veciños que estean nese grupo demográfico e que teñan a tarxeta sanitaria adscrita ao Centro de Saúde de Fene ou ao consultorio de Maniños. Deberán acudir no día e na hora indicados ás haimas que se instalarán en San Valentín entre o Pavillón Municipal e o CPI A Xunqueira para recoller os tubos das probas PCR salivares -xunto coas instrucións de uso- que se deberán levar ao día seguinte ao punto de entrega de mostras, situado diante das oficinas de Servizos Sociais, tamén en San Valentín.  Haberá que ir en coche preferentemente e non será necesario baixarse del. Ademais, abondará con que acuda unha única persoa de cada grupo familiar para recoller os tubos e entregalos despois. Durante os días en que se desenvolva o dispositivo os puntos de recollida e entrega das mostras estarán debidamente sinalizados e co tráfico regulado para evitar no posible as aglomeracións. Neste sentido, desde o Concello prégase a máxima puntualidade e tamén se fai un chamamento á responsabilidade individual para que, malia ser voluntaria, todas as persoas citadas realicen a proba.

ESCOITA O PODCAST:
Cribado en Pontecaldelas

O obxectivo destas PCR é detectar casos asintomáticos dentro do grupo poboacional de entre 15 e 65 anos que, segundo as estatísticas que manexa o SERGAS, foi onde se produciu un maior número de contaxios no noso municipio durante esta terceira onda da pandemia.

 

Esta mañá, o persoal  que se encargará do dispositivo visitou as zonas elixidas para instalar a loxística de recollida e entrega de mostras. Na visita os técnicos estiveron compañados de membros do Equipo de Goberno e da Policía Local, que se coordinará coa Garda Civil e Protección Civil para facilitar o desenvolvemento do cribado. 

 

A recollida de tubos e a entrega das mostras, en San Valentín 

O punto de entrega de tubos para as mostras instalarase na rúa situada entre o Pavillón Municipal e o CPI A Xunqueira, en San Valentín. Alí marcaranse 4 carrís de circulación con entrada desde a Avenida do Mar e con saída á esquerda polo paseo marítimo cara á rotonda de Astano, ou ben á dereita para reincorporarse á Avenida do Mar xusto onde se encontraba ata hai pouco Mercadona.

 

A diferenza das mostras nasofarínxeas, recollidas no momento cun pequeno hisopo por persoal sanitario, neste caso realizaranse test PCR mediante saliva que cada persoa deberá recoller na súa propia casa. Por iso fai falla acudir á hora e no día sinalados para que nos entreguen os tubos xunto coas instrucións de uso. 

 

Ao día seguinte, tan pronto como nos ergamos da cama e sen sequera almorzar ou limpar os dentes, deberemos botar a saliva no tubo, pechalo e levalo ao longo desa mesma xornada a outra carpa que estará situada diante das oficinas de Servizos Sociais de San Valentín. 

 

Os horarios para recoller tubos e volver as mostras varían dependendo dos días: 

  • Luns 8, de 10 a 19.00h.:  só recollida de tubos con cita previa
  • Martes 9 e mércores 10, de 9.30 a 19.30h.: recollida de tubos con cita e entrega de mostras sen necesidade de cita
  • Xoves 11, de 9.30 a 16.30h.: recollida de tubos con cita e entrega de mostras sen necesidade de cita 
  • Venres 12, de 9.30 a 13.30h.: só entrega de mostras

 

Só persoas con tarxeta sanitaria adscrita ao Centro de Saúde de Fene

As autoridades sanitarias só convocarán mediante SMS ás persoas que teñan o médico de cabeceira no Centro de Saúde de Fene -ou no consultorio de Maniños- e só a aquelas que teñan facilitado o dato do seu número de teléfono. Polo tanto, segundo informa o SERGAS, non é posible ir facer a PCR se non recibimos a SMS coa cita nin tampouco presentarse no punto de recollida coa intención de que nola fagan.   

 

Desde o SERGAS insístese en que se acuda á cita preferentemente en coche -non fará falla baixarse del- e tamén en que é suficiente con que vaia unha soa persoa de cada núcleo familiar para recoller e entregar os tubos das persoas coas que conviva no mesmo domicilio. É importante ter en conta que baixo ningún concepto se deberá asistir á cita se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19, se se trata dun caso confirmado previamente ou se se debe gardar confinamento por mor de contactos estreitos.

 

Os resultados, nuns días

Se o resultado é negativo o SERGAS enviaranos unha SMS informativa nun prazo entre os 2 e os 5 días seguintes. Porén, se o resultado da proba é positivo recibiremos unha chamada indicándonos os pasos que deberemos seguir  (confinamento nunha habitación da casa, evitar contactos tamén con conviventes, etc.).

 

Debemos ter moi presente que a PCR salival só serve para saber un resultado positivo ou negativo no momento concreto en que se recolleu a mostra. Dito doutro xeito: que a proba nos dea negativo non significa que esteamos libres de contaxiarnos despois de facela, nin tampouco nos di se xa pasamos a enfermidade sen sabelo e temos anticorpos que nos dean certa protección. Por iso, aínda que o SERGAS nos confirme un resultado negativo debemos seguir adoptando todas as medidas de protección, como son o uso da máscara, o distanciamento de 1,5 metros, a hixiene de mans e todas as demais recomendacións e restricións que están en vigor para frear a propagación do virus.

 

Para o cribado que comeza este luns e que se prolongará até o venres serán citadas arredor de 7.700 persoas de entre 15 e 65 anos. A participación neste proceso de detección é voluntaria, pero desde o Concello pídese que todas as persoas convocadas acudan á súa cita "por responsabilidade e solidariedade co resto de veciños e veciñas", posto que calquera caso asintomático que se detecte "permitirá atallar novos contaxios e gromos". Ademais tamén se solicita que se acuda á recollida dos tubos axustándose o máis posible ao horario marcado na SMS do SERGAS, co obxectivo de que non se produzan problemas de tráfico nin esperas innecesarias.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora