Pedro de Soutomaior, o castelo e a cova da moura

Pedro de Soutomaior, o castelo e a cova da moura

15 de Maio, 2017 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Don Pedro de Soutomaior, neto de Pedro Madruga, é un dos protagonistas da novela histórica “A Cova da Moura” de Natalia Carou. Os feitos acaecidos no século XVI mistúranse coa relación dunha alumna e o seu antigo profesor na actualidade. “Na obra tamén me interesa reflexar a existencia de mulleres loitadoras contra a violencia de xénero e os malos tratos” afirma Natalia Carou

A Cova da Moura preséntase este martes 16 de maio nun acto que terá lugar ás oito e media da tarde na Pousada das Ánimas (Rúa Pablo Iglesias,14. Boiro). Ademais da autora intervirá Belén López (Baia edicións) e interpretarán pezas medievais o grupo Barahunda.

Sinopse
Malena e Mateo, o seu antigo profesor da facultade de Historia, son os encargados do anteproxecto de restauración do castelo de Soutomaior. Durante a súa visita atopan por casualidade un manuscrito dunha moza chamada Cleofar, que habitou no castelo no século XVI nun misterioso lugar chamado a Cova da Moura, onde relata os abusos que sufriu a mans do señor do castelo, don Pedro de Soutomaior, neto do infame Pedro Madruga.
Atopar ese lugar será algo primordial antes de devolveren as chaves do complexo. A Cova da Moura garda no seu seo un material valiosísimo que poñerá de manifesto a verdadeira personalidade e identidade dos habitantes do castelo.
As dificultades de Cleofar para entrar no castelo e cobrarse vinganza pola afronta sufrida, a súa infancia na aldea de Seredia e a súa difícil vida na Cova da Moura, mestúranse dun xeito paralelo coas vivencias de Malena e Mateo: as tráxicas circunstancias da infancia de Malena, a relación existente entre os protagonistas e a ambición de Mateo.

Sociedade