Peixaría, cociña e comunicación

Peixaría, cociña, comunidades virtuais e comunicación
26 de Xuño, 2024 - 09:30 h. | Publicada por Radio Fene

Peixaría, cociña, comunidades virtuais e comunicación.  Son algúns dos sectores nos que existen oportunidades de emprego na comarca de Ferrol. E neses sectores intensifícase a formación para lograr contratos de traballo estabeis e con dereitos.

Once mulleres de Fene participan nunha nova edición do Plan Integrado de Emprego (PIE) promovido pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, da que forma parte o Concello de Fene. Trátase dun programa de 12 meses de duración dirixido a mulleres en situación de desemprego, e cuxo principal obxectivo é mellorar a súa empregabilidade e inserción laboral.

Das once mulleres fenesas que participan nesta edición, seis xa teñen rematado algún dos itinerarios formativos dos ofertados (unha completou dous diferentes). Ademais unha delas está a cursar actualmente a formación en Xestión de Comunidades Virtuais, un itinerario no que se combinan 100 horas de formación teórico-práctica en aula con prácticas en empresas.

A concelleira de formación e emprego, Cristina García, destacou o éxito do programa, que “nesta edición ten contribuído a que a metade das mulleres de Fene que xa completaron algún dos itinerarios fosen contratadas”. Tres delas permanecen contratadas na actualidade -unha na propia empresa na que realizou as prácticas de Peixaría- e outra participante estivo contratada de maneira puntual durante o transcurso do programa. García adiantou tamén que o Concello de Fene “acollerá en prácticas nas próximas semanas a varias estudantes do itinerario de Xestión de Comunidades Virtuais”.

Durante o transcurso do Programa, o Concello de Fene tamén puxo a disposición da Mancomunidade espazos para o desenvolvemento das accións formativas. Neles desenvolvéronse dúas das especialidades de formación transversal ofrecidas no PIE, a de “Técnicas de busca de emprego” e a de “Habelencias sociais: comunicación, intelixencia emocional e traballo en equipo”.

Sobre o Programa Integrado de Emprego

O Programa está financiado pola Consellaría de Emprego, Comercio e Inmigración e polo Ministerio de Traballo e Economía Social. Ten por obxecto mellorar a empregabilidade de 100 mulleres desempregadas veciñas dos oito concellos participantes (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño), das cales 68 que xa completaron algunha acción formativa.

Na actualidade, 14 están a cursar formación específica presencial na especialidade de “Xestión de comunidades virtuais” e 21 están a cursar formación en liña (nos itinerarios de Ofimática; Inglés; Atención ao público; Igualdade; ou Manipulación de alimentos).

9 mulleres completaron as prácticas no itinerario de Peixaría -das cales dúas foron contratadas nas propias empresas- e 20 están a realizalas actualmente, nos itinerarios de Cociña, Limpeza industrial, Peixaría e Agricultura Ecolóxica. Un total de 15 participantes causaron alta na Seguridade Social -tanto por conta propia como allea- desde que están no programa, e outras 3 tiveron contratacións temporais.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora