Películas de hai cen anos

Películas de hai cen anos
05 de Xullo, 2025 - 09:45 h. | Publicada por Radio Fene

Numeroso público seguiu con atención a proxección das películas de Barallobre entre 1924 e 1934 no acto celebrado na tarde noite de onte no salón de actos da Liga de Amigos. Alfonso Piñón Teixido -promotor do Monumento ao Camiñante Descoñecido- rodou as películas testemuño das festas da época. O historiador Roque Sanfiz e o autor do libro "O cineísta andarengo" Manolo González explicaron os detalles da vida deste precursor do ecoloxismo.

Roque Sanfiz e Manolo González na Liga de Amigos de Barallobre

Unha das asistentes identificou con emoción á súa nai nunha das películas proxectadas. Manolo González foi impulsor e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998) e da Axencia Audiovisual Galega (2005-2009). Coordina desde 2014 o Chanfainalab en San Sadurniño. Ven de publicar en Editorial Embora O cineista andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas, unha biografía na que relata a peripecia vital do precursor do cinema documental en Galicia. Filmou arredor de trescentas películas de un minuto e medio de duración entre 1924 e 1935 sobre festas e paisaxes de Galicia. Ademais logrou unir ao pobo de Barallobre para erguer o Monumento ao Camiñante Descoñecido, lugar de reivindicación da natureza e da cultura. 
Romaría do Monumento ao Camiñante Descoñecido
O Monumento inaugurouse o 1 de xullo de 1934. Neste sábado, cinco de xullo, celébrase ao longo de todo o día a romaría conmemorativa. As cinco da tarde sairá do campo da festa unha camiñada ata o Monumento, onde haberá intervencións. Un completo programa de actividades encherá a xornada. 

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora