Pementeiros de Padrón, panadeiros de Cea, afiadores de Ourense, ...

Pementeiros de Padrón, panadeiros de Cea, afiadores de Ourense, ...

13 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Milleiros de alcumes, xentilicios, refráns ou cantigas referentes a localidades galegas compílanse no Portal de ditados tópicos galegos. O proxecto, froito da colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Camilo José Cela, baséase nesta primeira fase nas fichas recollidas por Camilo José Cela nos anos setenta para o Diccionario Geográfico Popular de España (DGPE). En sucesiv

En xuño de 2008, o Instituto da Lingua Galega asinou un convenio coa Fundación Camilo José Cela para dixitalizar e editar as fichas do DGPE recollidas no territorio galego. Así, o Portal de ditados tópicos galegos. recolle inicialmente case 4.000 rexistros (1559 alcumes colectivos, 1207 xentilicios, 328 refráns, 786 coplas e cantares e 42 pseudotopónimos). Estas formas están compiladas nunha base de datos que permite a busca por categorías, por texto libre ou pola localidade á que se refiren estas entradas. Ademais, ofrécese unha reprodución gráfica de cada ficha e a transcrición dos seus contidos. Asemade, o portal web ofrece a posibilidade de consultar material complementario, como correspondencia entre Camilo José Cela e o persoal de Correos ou representantes da intelectualidade galega a propósito dos ditados tópicos, así como diversas publicacións ligadas ao proxecto.

Na cultura galega cristalizaron modos alternativos de dar nome ás xentes de practicamente todas as localidades galegas. As trazas de referencia nalgúns casos aluden a produtos típicos da localidade (pementeiros/as para habitantes de Padrón) e outras reflicten profesións habituais do lugar (panadeiros/as de Cea ou afiadores/as por boa parte de Ourense). Ademais das designación con base en feitos ou características reais (localizacións xeográficas, vexetación do lugar, festas ou feiras) son frecuentes os alcumes burlescos.

Cultura