Pensando nas persoas

Pensando nas persoas
05 de Novembro, 2025 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O avellentamento da poboación e a integración das persoas inmigrantes son dous grandes retos para os servizos sociais. Dous temas sobre os que pensar nun momento no que hai que deseñar os futuros servizos sociais de Fene, destaca o concelleiro delegado de Benestar, Manuel Polo, que denunciou a falta de apoio da Xunta en temas como a dependencia que son da súa competencia. O concelleiro e a coordinadora da área de Benestar e Igualdade, Pilar Couce, falaron en Radio Fene sobre o funcionamento dos servizos sociais municipais.

ESCOITA O PODCAST:

“Estamos no momento de deseñar os futuros servizos sociais de Fene, hai un cambio xeracional no departamento, e hai que planificar o futuro”, apunta o concelleiro de Benestar Social que destaca a necesidade de ter en conta o avellentamento da poboación. “Hai un problema bastante grande na atención aos maiores”, sinala o concelleiro. Tamén apunta a necesidade de ver como xestionar a integración das persoas inmigrantes. “Hai que estar aos cambios sociais”, sinala. Lamenta a falta de apoio da Xunta. “É un lastre, temos un problema de financiamento porque temos unha Xunta rácana; son propagandistas insensibles, as necesidades das persoas non lles importan”.

“A dependencia é un dos servizos moi demandados, as necesidades de apoio nos domicilios quizais o máis demandado e a tramitación segue sendo complicada”, explicou Pilar Couce. Antes da modificación da tramitación decidida pola Xunta, os servizos sociais municipais tiñan maior papel no procedemento. E non se cumpriu o obxectivo de reducir os tempos. “Non é o mellor procedemento, aínda que para nós é menos traballo, as persoas poden facelo nunha xestoría ou pola súa conta, sen coñecer os recursos existente, iso produce un atasco”, advertiu a coordinadora do departamento municipal de Benestar. 

 



 

Institucional

Publica o teu comentario agora