Pensando nos maiores

Pensando nos maiores
01 de Novembro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene proxecta sumarse á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores. Unha proposta que o Goberno local levará ao vindeiro Pleno da Corporación municipal da que informaron en Radio Fene a concelleira de Benestar e Igualdade, Sandra Permui, e a coordinadora da área, Pilar Couce.

ESCOITA O PODCAST:

“Fomentar o envellecemento saudable”, é o obxectivo final da Concellería de Benestar que propón a adhesión de Fene á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores. Un paso que quere dar, tendo en conta que “o 30,3% da poboación de Fene son persoas maiores de 65 anos”, explicou a concelleira Sandra Permui. A intención do proxecto é “darlles voz, que sexan promotoras do seu propio benestar”. Na rede, da que xa forman parte outros concellos galegos como Ames, Ferrol e Santiago de Compostela, “compártense actividades”, indicou Pilar Couce. A idea en Fene é desenvolver un proxecto a cinco anos que comezará facendo “un diagnóstico en relación a como están, o primeiro traballo sería unha planificación feita coas propias persoas maiores”. 

A integración na rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores é un paso máis nas políticas que ten en marcha o Concello de Fene para este colectivo, ao que tamén van dirixidos outros programas como os Seráns Activos e o Servizo de Axuda no Fogar, ao que a administración fenesa destina cuantiosos recursos económicos. “O Servizo de Axuda no Fogar leva máis dun millón de euros do Orzamento Municipal”, destacou Sandra Permui que censurou á Xunta por desentenderse deste servizo “o SAF tería que estar tutelado pola Xunta, está precarizado, é unha competencia máis que asumen os concellos diante da pasividade da Xunta”.

Institucional

Publica o teu comentario agora