Pensando nos peóns

Pensando nos peóns
17 de Xullo, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene inicia as obras de mellora na beirarrúa de acceso ao Centro de Saúde. A actuación na avenida de Tarrío permitirá reforzar a accesibilidade e a seguridade nun dos itinerarios peonís máis transitados de Perlío. Os traballos consistirán na renovación completa do firme para garantir un paso máis cómodo para a veciñanza.

 

O Concello de Fene vén de iniciar as obras de acondicionamento e mellora da beirarrúa situada na avenida de Tarrío, na parroquia de Perlío, concretamente no tramo que dá acceso ao Centro de Saúde, unha actuación orientada a mellorar a accesibilidade e a seguridade das persoas que utilizan diariamente este itinerario. A intervención permitirá eliminar as deficiencias que presenta actualmente a beirarrúa, renovando por completo o firme para ofrecer un espazo máis accesible e seguro, especialmente para as persoas con mobilidade reducida, maiores e familias con carriños infantís. Os traballos inclúen a demolición da beirarrúa existente e a retirada dos materiais resultantes, a preparación da explanada mediante a achega de zahorra artificial, a súa correspondente nivelación e compactación e a execución dunha nova soleira de formigón reforzada con malla metálica de aceiro, garantindo unha maior resistencia e durabilidade. Finalmente, realizarase o acabado superficial conforme ás condicións técnicas necesarias para favorecer un tránsito peonil cómodo e seguro. 

A alcaldesa de Fene, Sandra Permui, destacou que “esta actuación responde ao compromiso do Concello por mellorar os itinerarios peonís e facer de Fene un municipio cada vez máis accesible”. A rexedora subliñou que “estamos a actuar nun punto especialmente sensible, xa que se trata do principal acceso peonil ao Centro de Saúde de Perlío, utilizado diariamente por ducias de persoas”. O Concello agradece a comprensión da veciñanza polas posibles molestias que poidan ocasionar as obras e recomenda respectar a sinalización provisional mentres duren os traballos.

Institucional

Publica o teu comentario agora