ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
O Proxecto Onda ODS, no que participan máis de 300 medios locais de todo o Estado, arrancará o vindeiro xoves 15 de setembro cun programa de radio en directo realizado por Radiofusión (rede galega das radios locais) desde o Castelo de Santa Cruz en Oleiros, sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). Este espazo radiofónico sentará as bases da estratexia de comunicación do proxecto, encamiñado a sensibilizar á cidadanía e fomentar a reflexión na audiencia arredor dos obxectivos recollidos pola ONU na Axenda 2030.
Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, conducirán este espazo radiofónico, que se emitirá en directo e no que se abordarán diversos aspectos vinculados a estes obxectivos recollidos no documento das Nacións Unidas.
Desde as 9 da mañá e durante máis de dúas horas, polos micrófonos do estudio situado no auditorio do CEIDA pasarán diversos protagonistas que achegarán, cunha perspectiva de proximidade, exemplos concretos de propostas e iniciativas que traballan en prol destas boas prácticas.
A cantautora Sofía Espiñeira poñerá a nota musical a unha xornada matinal da que poderá gozar en vivo o alumnado de varios centros educativos galegos, entre eles os integrantes do sexto curso de primaria do CEIP Jorge Juan de Perlío, así como representantes de asociacións e do movemento veciñal da contorna.
A Axenda 2030, aprobada o 25 de setembro de 2015 e firmada polos 193 estados membros, aglutina 17 obxectivos e 169 metas vinculadas ás esferas económica, social e ambiental cos que incidir positivamente na vida das persoas, na conservación do planeta e nos niveis globais de prosperidade da poboación mundial.
Co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, máis de 300 medios locais de todo o Estado deseñaron o proxecto ONDA ODS, que aspira a divulgar estes obxectivos e propósitos cun enfoque próximo, presentando casos concretos e dando visibilidade a iniciativas que, desde o local, loitan en favor do medio ambiente, a fixación da poboación do rural ou a igualdade de xénero.
Radiofusión en asociación con Emisoras Municipais de Andalucía (EMA), La Xarxa-Radio Televisión Cardedeu (Cataluña) e a Rede Estatal de Medios Comunitarios están detrás do proxecto ONDA ODS que, como parte da súa estratexia de comunicación, dará voz a todas aquelas persoas e iniciativas que traballan a prol destes valores ao longo de todo o territorio galego. Facer fronte á emerxencia climática e ambiental, pechar a brecha de xénero e poñer fin á discriminación, superar as ineficiencias dun sistema económico excesivamente concentrado, erradicar a precariedade laboral, acabar coa pobreza, reverter a crise dos servizos públicos, loitar contra a inxustiza global, revitalizar o noso medio rural e enfrontar o reto demográfico serán as cuestións abordadas neste proxecto.
Farase a través de trinta programas informativos de dez minutos cada un; quince vídeos que amosarán outras tantas iniciativas dinamizadoras do medio rural que loitan contra o despoboamento do mesmo; e trinta podcast de dous minutos de duración vinculados coa desigualdade de xénero e o cambio climático a través de exemplos reais. Así mesmo, no marco da iniciativa impartiranse tres cursos de podcast a mulleres, mocidade e responsables de entidades que impulsan procesos de transición ecolóxica no mundo rural. A proposta está aberta á participación de todas as emisoras municipais galegas para que difundan as iniciativas concretas dos seus concellos e áreas de influencia.
Para coñecer máis sobre as características do proxecto Onda ODS pódese consultar a súa web www.ondaods.org e os seus perfís nas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).
Configuración da federación de asociacións de medios locais
A cita do vindeiro 15 de setembro no castelo de Santa Cruz de Oleiros servirá tamén como punto de partida para a constitución dunha federación de asociacións de medios locais, coa fin de aproveitar sinerxías para apoiar a programación local e colaborar na produción de espazos que poidan realizar conxuntamente.
Representantes de boa parte dos colectivos implicados no proxecto Onda ODS reuniranse para abordar e debater o borrador dos seus estatutos, no que veñen traballando desde hai tempo. Durante esta xuntanza, prevista para a tarde do día 15, analizarán a planificación e os obxectivos que se recollen nese documento para proceder á súa aprobación inicial.
A partir de aí, será sometido a avaliación por cada unha das asociacións para a súa ratificación definitiva. Será un paso intermedio para, en novembro, nunha xornada similar que se vai desenvolver en Andalucía, proceder á súa firma e constitución definitiva.
Publica o teu comentario agora