Pensións dignas

Pensións dignas
07 de Abril, 2021 - 01:49 h. | Publicada por Radio Fene

Pensións dignas e un sistema público galego de atención ás persoas. Son as dúas patas da movilización do colectivo de pensionistas da CIG que prepara unha Iniciativa Lexislativa Popular con este fin.

ESCOITA O PODCAST:

“Por unhas pensións dignas e suficientes e un sistema público galego de atención ás persoas”. Con estas reclamación volve o colectivo de pensionistas da CIG a sair á rúa mañá xoves nas cidades galegas, como veñen facendo desde 2018. En representación do sindicato nacionalista, Xosé Lamas explica que estas son as dúas grandes liñas da súa loita. Primeiro que as pensións que reciben sexan dignas. Afirma que Galicia ocupa o segundo posto pola cola dentro do rango estatal e que máis da metade dos pensionistas cobran menos de 700€ . Razoa que se as pensións están así é porque o mundo do traballo está a sufrir unha enorme precariedade. Por iso reclaman a derrogación das últimas reformas laborais.

Noutra liña está a reclamación dun sistema público galego que englobe toda a atención que precisa a terceira idade e que sexa a Xunta de Galicia a que controle todo iso. Neste senso están preparando unha Iniciativa Lexislativa Popular que recolla un servizo público de atención ás persoas que englobaría unha rede de residencias públicas, un sistema de asistencia no fogar non precario, a creación de centros de día, programas de xantar na casa ou transporte adaptado. Todo isto tendo en conta que a atención que se preste non dependa da capacidade de pago dos usuarios e usuarias. 

Hai tamén unha chamada de atención porque a día de hoxe, na lista de agarda para o recoñecemento da dependencia figuran unhas 8000 persoas.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora