Perla do Sur

Perla do Sur
27 de Xuño, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Perla do Sur, a Casa da maleta o Chalet do Adriano. Tres nomes para un dos edificios máis característicos de Fene. A casa que construíu Antonio Fernández Fernández en Barallobre, para gozar das mellores vistas, ao seu regreso de Cuba. Estefanía Purriños, profesional que está ao cargo da Oficina de Turismo do Concello de Fene, ilustrounos sobre esta casa señorial no programa A Fenestra de Radio Fene

ESCOITA O PODCAST:

Unha das singularidades do edificio é a súa planta octogonal. Outra, a máis fácil de ver, é a escultura do emigrante, coa súa maleta que remata o edificio. “Oito lados na casa, oito columnas que sustentan ao emigrante retratado na parte superior”. Antonio Fernández Fernández naceu en San Pedro de Eume, en 1866, e como tantos galegos tivo que emigrar para gañar a vida. “Con apenas dezaseis anos chega a Cuba, a Cienfuegos alí traballa no ferrocarril e despois dezaoito anos na construción e chega a ser un prezado contratista e construtor”. Pero el logrou volver. “Por problemas de saúde decide retornar, en vez de construír na súa parroquia orixinal chega a Fene e de todos os namorase do en Barallobre, no lugar da Brea, e constrúe alí a súa vivenda”. E, como todos os emigrantes que fixeron cartos construíu unha casa tomando como modelo “o que viran aló”. O chamado estilo indiano, aínda que os especialistas matizarían “podemos encadrala nunha época modernista, estilo ecléctico que mistura varios estilos diferentes”. A edificación comezouse construír en 1921 e catro anos despois estaba terminada. Quedou testemuña gráfica daquel momento “cando está a casa en construción el e os seus tres irmáns, José, Bernardo e María, teñen unha foto nas escadas de acceso” ao edificio. 

Se o exterior chama a atención tamén hai elementos singulares no interior, aínda que non todo o mundo ten ocasión de velos xa que non está aberta ao público, agás para quen aluga a vivenda. Dentro do edificio deixou escritos distintos lema para a posteridade. “El trabajo es mi dios y el mundo mi tumba” ou “Justicia, Educación y Trabajo”, xunto ás bandeiras republicana española e a comunista. Tamén “Para el mal no hay más perdón que no hacerlo”. Nunha das estancias hai cinco placas de mármore que deixaron para a posteridade os textos “La Patria”, “El Pasado”, “El presente”, “El Porvenir” e “Queda dispuesto”. Tamén na ornamentación atópanse elementos destacados, como “azulexos con motivos variados. castelos, dragóns alados e “nas cornixas decoración vexetal e rostros humanos”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora