Persoas incribles

Persoas incribles
16 de Abril, 2023 - 08:00 h. | Publicada por Radiofusión

A xente obreira e traballadora protagoniza grande parte das historias do novo libro de Marta Villar, ‘Non temerás os coches amarelos’. A xornalista nada en Malpica de Bergantiños fálanos no clube de lectura de Radiofusión desas persoas “incribles mais totalmente descoñecidas”.

Fotografía Xan Xe

“Nótase que é un libro feito por unha xornalista porque a xornalista ao longo da semana ten un traballo moi variado. Un día fas unha reportaxe de operacións de medicina, outro día entrevistas a un pintor, outro día vas a un accidente de tráfico tremendo… A novela tamén é moi variada nese aspecto”, destaca a autora de ‘Non temerás os coches amarelos’. Unha obra baseada nunha xornalista que entra a traballar como bolseira pero que tamén toca temas colaterais como a explotación de volframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, a galerna de 1961 ou o traballo nas plataformas petrolíferas. “Utilicei datos persoais para poder introducir aí os temas que a min me interesaban e eses temas colaterais para min son os máis importantes. Tódolos casos que menciono son de xente obreira e traballadora. É o que máis me interesa na miña profesión. Coñecín moita xente famosa pero as maiores sorpresas que levei na miña vida foron coa xente anónima. Exemplos de persoas incribles totalmente descoñecidas. Iso déixame descolocada e por iso quería facer esta homenaxe. Encántame o do campo porque é o que máis coñezo pero tamén a xente que coñecín que traballou no mar. Aprender deses oficios e desas experiencias é marabilloso”, afirma Marta Villar.

Fotografía: Xan Xe.

Cultura

Publica o teu comentario agora