Petando na porta da Deputación

Petando na porta da Deputación
23 de Novembro, 2023 - 02:21 h. | Publicada por Radio Fene

“Compromiso hai”. Declarou o alcalde de Fene, Juventino Trigo, tralas xestións feitas coa Deputación para que atenda as reivindicacións do Concello en materia de seguridade viaria. O alcalde encabezou a xuntanza que mantivo onte o equipo de goberno de Fene coas deputadas responsables de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, e de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañadas por técnicos da Deputación. Nunha segunda xuntanza participaron tamén representantes da oposición e, ademais, efectuaron unha visita a Maniños e Barallobre para coñecer in situ as demandas do Concello centradas en melloras para estradas de titularidade provincial. 

ESCOITA O PODCAST:

“Desde o Concello levamos un par de anos petando na porta da Deputación e aí seguiremos. Vai tocando por xustiza e porque falamos de seguridade viaria”, afirmou o alcalde. Catro foron as actuacións pedidas polo Concello. A curto prazo dúas actuacións o arranxo e transferencia da rúa da Fraga e a canalización das augas nas cunetas en Magalofes. O proxecto de senda peonil da estrada da Armada é outra das peticións ás que o Concello deu prioridade. “O compromiso é ver se hai que facer expropiacións, é o que pode ralentizar un pouco, nós puxémonos a disposición para que en canto teñan o estudo poñernos en contacto cos veciños para facer as cesións o antes posible”. Outro obxectivo é mellorar a seguridade viaria cunha senda da estrada que sube polo instituto de FP de Barallobre ata a entrada do cemiterio municipal. “Levamos anos pedindo, con centos de firmas dos veciños”, lembrou o alcalde. “A Deputación leva sobre 15 anos sen facer investimento grande nas súas estradas en Fene e cremos que é o momento de facer o traballo atrasado”. 

Institucional

Publica o teu comentario agora