Pinchos para abrir o apetito electoral

Pinchos para abrir o apetito electoral

01 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

De feito, no rural a xente acode a votar quizais cun pouco máis de ganas, porque nestas zonas todo o mundo se coñece e estas citas sempre son unha boa escusa para xuntarse, charlar un facer apostas sobre quen será o futuro presidente da Xunta. 

Por iso, un bo número de persoas que exercen o seu dereito ao voto no colexio situado na antiga escola da parroquia de Nete, no concello lucense de Vilalba, pódese dicir que foron madrugadoras á hora de depositar as papeletas nas urnas, a diferencia doutros lugares. Un dos motivos é que nesta zona rural, cunha soa mesa electoral, non só votan os veciños da propia parroquia, senón tamén os das lindantes de Noche e Xoibán. Por este motivo, ás dez da mañá un autobús recollía aos veciños da aldea máis afastada, Xoibán, para que puideran exercer este dereito ao voto. Ben é certo, que ao autobús sóbense só os maiores, porque son os que, en moitos casos, non teñen coche e aos que non lles importa madrugar nunha xornada tan importante coma esta.

Outra das razóns que animou aos votantes a levantarse cedo esta mañá foi a misa dominical que ten lugar na Igrexa de Nete, moi próxima ao colexio electoral. Que mellor que aproveitar a viaxe para cumprir coas obrigas relixiosas e de paso cumprir tamén coas electorais.

En definitiva, o que acontece nesta parroquia vilalbesa é semellante ao que acontece noutras zonas do rural de Lugo e de Galicia, onde, polo xeral as colas para votar son escasas ou mesmo inexistentes e onde é moi raro que se rexistre ningún tipo de incidente, á marxe dos habituais esquecementos do carné de identidade.

Sociedade