Podcast, tolemia, radio e literatura

Podcast, tolemia, radio e literatura
21 de Outubro, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

O escritor Antonio Tizón Barral presentou a ponencia "Podcast, locura, radio y literatura" no marco das Xornadas "Retos Globales - Impacto Local: los ODS y la comunicación en un mundo distópico" que se celebraron no Centro Cívico Las Sirenas en Sevilla o 17 de outubro de 2025. De seguido reproducimos a primeira parte do citado relatorio.

Fotografía Xan Xe

As catro palabras que conforman o título deste relatorio: podcast, tolemia, radio e literatura, son especialmente significativas para mín. Resumen á perfección unha boa parte da miña vida persoal e profesional dos últimos anos. Porque levo xa moito tempo, moito antes de que empezase a frutificar en 2015, embarcado nun proxecto de varias obras que teñen en común o tema da tolemia, mellor dito, e para quitarlle ao termo tolemia toda connotación romántica e ambigua, o tema da saúde mental, e máis concretamente, das enfermidades ou trastornos mentais. Unha temática común e catalizadora abordada desde distintos xéneros e formatos; en especial, a poesía, o conto, a novela e outros formatos multimedia, entre os que destaca o podcast. De todas estas obras, case unha decena, o proxecto máis ambicioso e xa culminado, ao meu entender, é a serie que podemos chamar Sánchez Pereiro, porque así se chama o principal protagonista. Trátase dunha serie de cinco obras, unha pentaloxía, por tanto, unhas obras independentes pero complementarias, que abordan, desde distintas perspectivas, o tema da tolemia, entendida no sentido máis patolóxico da palabra, e fano, ademais, en clave de xénero negro e policial e, ademais, en forma de libro e en formato podcast, case de maneira simultánea. E isto é algo sen precedentes, inédito e orixinal, como xa dixo Henrique Sanfiz e outros expertos nestas materias cos que tiven ocasión de intercambiar impresións sobre este aspecto concreto, facilmente verificable, polo que non se trata dunha opinión, senón dun feito. Non entramos a analisar a súa calidade artística e literaria. Esta pentaloxía da que falo e da que vou falar, escrita orixinariamente en galego, pero que pronto vai iniciar a súa andaina en lingua castelá nunha editorial situada precisamente aquí, en Sevilla, unha editorial que non necesita presentación, nin aquí, en Sevilla, nin en ningunha outra parte, pois se trata da editorial Renacimiento, que este mesmo outono ten planificada a publicación de La antesala luminosa, a obra máis traballada e, quizá tamén, a máis importante das cinco que conforman a saga, xa que foi a que supuxo o punto de partida, temático e formal, de toda esta pentaloxía e de todo este proxecto. E esta pentaloxía, que frutificou na última década (2015-2025) en forma de libro en duas editoriais de Vigo, Edicións Xerais de Galicia e a editorial Elvira, e en formato podcast nas Emisoras Municipais Galegas (Radiofusión), está formada cos mesmos títulos, pero engadindo sempre un subtítulo nos podcasts, sempre co nome do principal caso policial que se aborda en cada historia, de tal maneira que os títulos completos quedan así: A antesala luminosa. O caso de Gustavo Galego, Un home estraño. O caso de Manuel Ferro, Os incurábeis. O caso de Pomba Bieito Moreira, Lobos doentes. O caso de Pedro Souto Varela, e Madriña. O caso de Ramiro Galego Tenreiro.

Quero facer unha pausa na miña intervención para emitir unha mostra dalgunha das obras que acabo de mencionar. E vou reproducir o capítulo 1 da terceira entrega da serie, a titulada Os incurábeis, porque me parece un bo modelo, tanto formalmente, para que se aprecie con claridade a estrutura de cada obra e de cada capítulo, e porque creo, ademais, que ilustra moi ben o contido desta charla.

Como acabamos de ouvir, o tema de tolemia está moi presente neste fragmento seleccionado, como en todo o proxecto. Un proxecto que comezou, como digo, en 2015, coa publicación en Xerais da xa mencionada novela, A antesala luminosa, e coa proposta posterior por parte de Henrique Sanfiz, director de Radio Fene Radiofusión, inspirado polo éxito sen precedentes da serie americana Serial, emitida en 2014 e que axiña se converteu nun fenómeno que revolucionou o mundo da radio e do podcast, un fenómeno en cuxo análise non vou entrar aquí, porque non é este o marco adecuado, pero que foi, o que inspirou a proposta de Henrique para adaptar a linguaxe literaria ao radiofónico e transformar a miña novela en podcast. Foi aí e foi así como se iniciou un traballo de adaptación e unha colaboración que continuou co catro obras restantes da serie. Unha colaboración que comezou cun grupo de teatro afeccionado, pero que, sempre baixo a dirección de Eugenia Sanmartín e coa tramitación e consecución das subvencións mínimas indispensables, foise profesionalizando cada vez máis a partir dun equipo técnico e artístico de moitísimas persoas, sobre 50 en cada radionovela, co resultado de programas radiofónicos moi dignos, ao meu entender, que xustificaron a continuidade serial ambicionada e, finalmente, conseguida. Por esixencias desa continuidade, a petición de Radio Fene (EMUGA Radiofusión) e tras o beneplácito de Edicións Xerais, acometemos a realización da última entrega da serie, por primeira vez, en formato podcast e non en forma de novela, investindo así o proceso creativo do catro adaptacións anteriores, que sempre se fixo ao revés, escribindo e publicando antes as novelas que a súa adaptación en formato podcast. Pero, por esixencias das propias características da radio como medio ligado á actualidade e á inmediatez, decidimos investir o proceso coa quinta obra. Un feito excepcional que permitiu que a quinta e última obra da pentaloxía, a titulada Madriña. O caso de Ramiro Galego Tenreiro, da que teño aquí a súa primeira proba impresa, recentemente editada co título de Madriña, se vaia converter, converteuse xa, como xa se pode comprobar, nunha publicación de carácter único, inédito e orixinal, un feito ao que xa fixemos referencia un par de veces e non volverei destacar. Porque esta novela contén nada menos que 77 códigos QR, que complementan ou poden complementar a lectura, se o lectorado así o desexa. E iso é posible grazas ao podcast que foi realizado e emitido pola radio antes da publicación da novela en forma de libro. Un libro que se complementa e enriquece co podcast incrustado a través das ligazóns dixitais que remiten á plataforma da emisora radiofónica. Se algo teño claro despois desta experiencia de adaptación da linguaxe literaria ao radiofónico, do paso de escribir poemas, contos e novelas a escribir guións para a radio, do traballo en solitario no que consiste a literatura ao traballo de equipo que supón o podcast é que son traballos distintos pero que poden complementarse á perfección, enriquecerse mutuamente e chegar, mesmo, a 5 retroalimentarse. Porque a novela pode incitar a escoita do podcast e o podcast pode contribuír ao interese por ler a novela. E estou convencido, ademais, de que esa combinación de palabras, ruídos, silencios, efectos e músicas que caracteriza a linguaxe radiofónica, se se fai ben, non só complementa, matiza e enriquece a literatura, a obra literaria, senón que, dados os seus custos moderados e asumibles, convértese nun medio de expresión eficaz, viable e alcanzable para amplísimos sectores da emisión e recepción de contidos. Desde logo, en moitísima maior medida que outros medios, como a televisión ou o cinema, que, polos seus imperativos técnicos, estruturais e estratéxicos sempre requiren grandes investimentos para materializar calquera proxecto.

(Continuará)

Antonio Tizón Barral

 

Na imaxe, froitas na Festa das Peras de Pontedeume. Setembro 2025

Cultura

Publica o teu comentario agora