Podcast, xénero negro e enfermidade mental

Podcast, xénero negro e enfermidade mental
25 de Setembro, 2021 - 11:53 h. | Publicada por Radio Fene

O podcast Os incurábeis estréase o próximo luns, 27 de setembro, en Radio Fene Radiofusión. Trátase dunha adaptación radiofónica realizada por Antonio Tizón a partir da novela do mesmo autor e con idéntico título publicada en outubro de 2020 por Edicións Xerais de Galicia. É esta a terceira entrega dunha serie que ten como protagonista principal ao policía Xosé Sánchez Pereiro, unha pentaloxía que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema catalizador, que non único, da enfermidade mental.

Vicky Sás fai o papel de Cristina Fandiño

Outras temáticas recorrentes destas obras son a corrupción política e moral, a impunidade do poder fronte ao crime, a degradación ambiental ou a especulación urbanística. Ademais de Os incurábeis (2020), pertencen a esta serie as novelas, xa publicadas, A antesala luminosa (2015) e Un home estraño (2018), e dúas obras máis aínda pendentes de publicación. A trama desta terceira entrega se desenvolve no último trimestre de 2001 e no barrio coruñés dos Castros, onde aparece o cadáver dunha muller desangrada ao pé dun contedor do lixo e coa marca dos cairos na gorxa. O inspector Sánchez Pereiro debe resolver este caso e outros similares que se repiten días despois no mesmo barrio da Coruña, nun tempo político e social que coincide coas secuelas do 11-S, o marco histórico da obra.  

Cultura

Publica o teu comentario agora