Pola defensa do noso medio ambiente

Pola defensa do noso medio ambiente

08 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes puxo en marcha por terceiro ano consecutivo un novo programa de Voluntariado Verde. Un programa a través do que todos aqueles que queiran participar como voluntarios traballarán pola preservación do medio ambiente no municipio a través de diferentes actividades.

Entre estas iniciativas estará especialmente a limpeza dos ríos que pasan por Ordes e tamén dos montes, e en definitiva, a posta en valor do entorno natural do municipio.

O Voluntariado Verde está aberto a toda a veciñanza e o único requisito para poder participar é ter máis de 14 anos. Os menores de idade deberán presentar unha autorización dos seus pais ou titores.

Ademais dende o departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible, promotor desta nova edición do Voluntariado Verde, e que dirixe o edil José Luis Gómez Candal, animan tamén a pescadores e cazadores a que se unan a esta iniciativa coa que se pretende garantir a limpeza dos ríos e montes ordenses.
Está previsto que as actividades se realicen nas fins de semana cos horarios que mellor conveñan aos participantes.

Todos aqueles que estean interesados en participar nesta nova edición do Voluntariado Verde poderán recibir máis información e inscribirse no departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible do Concello de Ordes, situado no primeiro andar da Casa Consistorial, ben chamando ao 981680002, ou a través do perfil de facebook “Voluntariado Verde Ordes”.

Sociedade