Pola fidelidade ao meu pobo

Pola fidelidade ao meu pobo

26 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

"Gostaríame ser lembrado pola fidelidade ao meu pobo" afirmaba Ramón Piñeiro a Radio Fene en 1986. Morreu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990, despois de adicar as últimas décadas da súa vida ao esforzo para lograr que o amor e o respeito pola lingua e a cultura galegas impregnaran todas as forzas políticas.

Máis de dúas décadas despois do seu pasamento, o legado de Ramón Piñeiro (Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990)  a prol da recuperación da lingua e da cultura galegas segue hoxe vivo. O filósofo e galeguista, do que este sábado se cumpre o vixésimo primeiro cabodano, contribuíu a impulsar  múltiples proxectos políticos, editoriais, literarios ou xornalísticos. Entre eles, a Editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega e a revista de cultura Grial, proxectos todos eles que continúan a súa traxectoria na actualidade.

O traballo de Ramón Piñeiro á fronte destas iniciativas convertérono nunha das figuras máis influentes e decisivas da Galicia da segunda metade do século XX. A súa produción intelectual xirou arredor principalmente do ámbito político, con propostas para a articulación dun pensamento galeguista fortemente enraizado na sociedade galega do momento e que fose comprensible para a cidadanía; da filosofía, con contribucións senlleiras sobre o significado da saudade; e da lingua galega.

O galego, unha preocupación constante
Sobre o tema da lingua, Ramón Piñeiro reflexionou en profundidade, sempre desde unha postura de respecto, cordialidade e entendemento. Entre as súas preocupacións tiveron un gran peso a relación entre idioma e sociedade, a situación social da que gozaba o galego, as causas que impedían o seu avance na sociedade e as accións necesarias para acadar a súa extensión na vida diaria. Esta preocupación pola dignificación social do galego guiou o seu traballo na elaboración e aprobación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, na que tamén participaron outros ilustres galeguistas.

Piñeiro vía a lingua galega non só como un medio de comunicación, senón que a consideraba o sinal distintivo da identidade dun pobo e dunha cultura. Argumentaba que o feito de sermos galegos e galegas se debe en parte a termos unha lingua que nos diferencia dos individuos doutras comunidades lingüísticas e a dispormos dunha cultura que se expresa nunha lingua que lle confire a súa singularidade. Nesta formulación, lingua e cultura están unidas, proxectándose mutuamente.

Esta visión da lingua como elemento identitario de todo o pobo galego é o que explica tamén a súa postura, ás veces non ben comprendida, de que a lingua galega fose apoiada  por todas as forzas políticas. En consecuencia, Ramón Piñeiro consideraba que a defensa do idioma non debía ser nin responsabilidade nin patrimonio exclusivo de ningún partido político ou ideoloxía en particular.

A investigación lingüística a través do Centro Ramón Piñeiro

O pensamento sociolingüístico de Ramón Piñeiro tiña unha fonda inspiración vitalista e posibilista, baseado na crenza das enormes posibilidades da sociedade galega para recuperar a lingua propia. Pero para iso víase necesario investigar nas diferentes áreas lingüísticas, literarias e humanísticas que lle transmitisen á sociedade unha imaxe realista e moderna da lingua propia de Galicia.

Seguindo o ronsel desa preocupación pola investigación sobre o galego, a Xunta de Galicia puxo en marcha en 1993 un centro de investigación que leva o nome do autor lancarés e que ten como obxectivos fundamentais promover, desenvolver e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lin¬güísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.

Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Ao mesmo tempo, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinado polo académico Manuel González, promove diversas iniciativas arredor do intelectual de Láncara. É o caso da colección Cadernos Ramón Piñeiro, a través da que se publicaron, desde 2003 ata hoxe, 19 volumes sobre pensamento e cultura galegos.

A través do Centro Ramón Piñeiro, a secretaría xeral, en colaboración coa Editorial Galaxia e con Gas Natural Fenosa, tamén convoca o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Este galardón, que ten en marcha a súa décimo primeira edición, nace en memoria do escritor de Láncara e acóllese ao espírito que inspirou a súa polifacética traxectoria intelectual.

Cultura