Polas escaleiras do Monumento

Cen persoas participaron no Roteiro á ermida de San Miguel de Breamo, en Pontedeume.
25 de Marzo, 2019 - 09:10 h. | Publicada por Radio Fene

As coñecidas como "Escaleiras do monumento" son quizás o máis singular do patrimonio eumés. Están incluídas no Catálogo de Patrimonio Cultural do Concello de Pontedeume e, como tal, son obxecto de protección. Deben o nome á súa semellanza coas escaleiras de acceso ao Sagrario no antigo Monumento, unha arquitectura efémera que se realizaba na igrexa de Santiago o dia de Xoves Santo.

Cen persoas participaron na mañá do domingo no roteiro á ermida de San Miguel de Breamo, organizado polo concello de Pontedeume. Os participantes, persoas de todas as idades, completaron unha ruta guiada por un historiador e conducida por un profesional do deporte. A camiñada non é doada nalgún tramo, como ben saben as persoas que suben a pe os días da romaría de Breamo.

Á beleza paisaxística, porque dende arriba vense as rías todas e mesmo a cidade da Coruña, hai que unir as curiosidades histórico- artísticas que se van explicando en sucesivas paradas, como a igrexa de Santiago- a máis grande do camiño inglés; as escaleiras do monumento, casas modernistas e indianas, o lavadoiro de Vistalegre e a propia ermida de San Miguel, do século XII.

Tras uns minutos de descanso, os camiñantes iniciaron o descenso monte abaixo ata Centroña e desde alí se alcanza o remate a través dun sendeiro que circula sobre a costa. A meta, como a saída, foi o Torreón dos Andrade. Bo número de participantes preguntaron polo próximo roteiro que será probablemente en maio e que multiplicará a dificultade por dúas. Desta vez foron case 10 quilómetros. A de maio achegarase aos 20 porque engade a visita ao castelo de Andrade en Nogueirosa.

Cultura

Publica o teu comentario agora