Pontedeume, Ferrol e Betanzos acollen o Vai de Camiño 2009

Pontedeume, Ferrol e Betanzos acollen o Vai de Camiño 2009

19 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A IV edición do programa “Vai de Camiño” chega aos concellos de Pontedeume, Betanzos e Ferrol. O programa, organizado pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellería de Cultrua e Turismo, ten a finalidade de ofrecer espectáculos culturais nos concellos polos que pasan os camiños xacobeos.

O primeiro destes concellos en acoller o “vai de camiño” nesta ocasión, é o de Pontedeume. Este venres “Os Quinquilláns” actuarán na Praza de San Roque. A súa obra titulada “No fondo do mar” comezará ás dez da noite e contará con bonecos inchables xigantes, zancos e danza entre outras cousas. Un espectáculo no que poderá participar o público de tódalas idades.
Betanzos é a segunda parada do programa polas nosas comarcas.   O domingo 23 o grupo de folk galego Milladoiro, actuará na Praza dos Irmáns García Naveira. O concerto comezará ás 10:30.
A semana que vén será a quenda do concello de Ferrol. “Fuxan os ventos”, xunto con Xabier Díaz e “Nova Galega de Danza” chegarán á Praza de Armas o martes día 25. O espectáculo, baixo o nome de “Terra de Soños”, será do máis orixinal e dinámico, un espectáculo no que interpretarán temas tan coñecidos da música galega como “A Carolina” ou “Sementeira”.   Con estes espectáculos dos concellos que se atopan no Camiño Inglés e outros desenvolvidos nunha gran parte da xeografía galega, o programa “Vai de Camiño” consolidouse como o circuíto cultural máis extenso de Galicia.

Sociedade