As Pontes celebra o a XI Festa do camioneiro

As Pontes celebra o a XI Festa do camioneiro

06 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes e a Asociación do Colectivo do Transporte do Carbón (ACTC) organizan a XI Festa do Camioneiro, unha homenaxe aos que día a día viven na estrada, detrás dun volante. A festa celébrase o sabado dia 7 de maio cun programa de actividades no que non faltará a música, a diversión e unha marcha que percorrerá as rúas pontesas na que tomarán parte arredor dun cento de vehículos pesados.

A festa do Camioneiro  ábrese o sábado ás 09.00 horas, coa concentración no barrio da Casilla de tódolos camións inscritos. Ás 10.00 horas dará comezo o percorrido da comitiva polas rúas do municipio, rematando na Canle IV, onde quedarán estacionados todos os camións.

Ás 11.30 horas abriranse ao público as exposicións de vehículos antigos e de camións último modelo, nas avenidas da Coruña e Ferrol e ás 13.00 horas, no patio do colexio Santa María, terá lugar unha misa na que se lembrarán aos falecidos nestes últimos meses, vencellados ao mundo do transporte, coma o empresario Roberto Tojeiro ou o transportista Manuel Filgueiras.

O acto virá seguido dun xantar popular na carpa que se habilitará neste mesmo recinto escolar. Nesta xuntanza poderán participar tódolos veciños e veciñas que así o desexen, con tan só mercar o seu ticket por un prezo de 30 euros, no que se inlcue un menú composto por langostinos, churrasco, mexilóns, empanadas varias, anchoas con queixo e postre. As actividades continuarán pola tarde, ás 17.30 horas, cunha exhibición de coches teledirixidos para continuar, ás 19.00 horas, cunha conferencia sobre o transporte e que terá lugar na Casa Dopeso. A festa prolongarase toda a noite cunha verbena que terá como escenario a Praza de América.

Sociedade