As pontes de San Xurxo e Santo Tomé de Lourenzá serán reparadas axiña

As pontes de San Xurxo e Santo Tomé de Lourenzá serán reparadas axiña

30 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As pontes de San Xurxo e Santo Tomé en Lourenzá, que resultaron danadas durante as riadas do pasado inverno e que permanecen pechadas desde finais de xaneiro, serán reparadas pola Xunta de Galicia, segundo adiantou a delegada territorial do Executivo galego, Raquel Arias, quen visitou onte este Concello lugués para revisar o estado destas dúas infraestruturas. As dúas dotacións deberán ser reconstruídas para dar servizo de novo, actuación

En primeiro lugar, acometerase a reconstrución da ponte de San Xurxo, da que se encargará o organismo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. As obras, que se prevé que comecen coincidindo co verán, poderían estar rematadas antes do outono, segundo as indicacións dos técnicos. Na zona xa se realizaron traballos de limpeza para retirar material arrastrado polas riadas.

As obras na ponte de Santo Tomé serán executadas directamente pola Consellería de Medio Rural e servirán para restaurar a conexión coa zona de Canedo. En torno a 150 veciños utilizaban a diario esta vía de acceso, ao igual que o persoal dunha canteira, e vense agora obrigados a perder tempo realizando traxectos alternativos.

A delegada territorial subliñou a dilixencia coa que a Xunta de Galicia respondeu aos danos ocasionados polos temporais ocorridos este inverno, comezando polas actuacións de maior envergadura ou que podían afectar á seguridade das persoas, como a estabilización de noiros  nas estradas.

Arias destacou que os traballos das pontes de Lourenzá “restablecerán a rede viaria do concello, recuperando dotacións importantes para os pobos; sabemos que o peche de ambas causan trastornos aos veciños e confiamos en que poidan estar en funcionamento no menor prazo posible”. Durante a visita, a delegada estivo acompañada polo alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez Sierra.

Sociedade