As Pontes e o amor pola micoloxía

As Pontes e o amor pola micoloxía

02 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Galicia é un país tradicionalmente micófobo. A suficiencia alimentaria foi unha conquista que chegou no último terzo do século pasado, mais os nosos antepasados nunca recolleron cogomelos nin fungos. Dicir isto é abondar nun tópico, pero convén repetilo e asombrarse ante a evidencia de que o monte e os campos estaban cargados de comida, mentres a ignorancia programada impedía recollela.

Na nosa tribo os fungos estiveron rodeados de lendas malditas; ténselles un medo cerval, auspiciado ao longo dos séculos pola Igrexa católica. Chamámoslles até o outro día pan das cobras, trompetas da morte. Conta Miguel Vila Pernas que a Guerra civil pillou nunha vila galega a dous viaxantes cataláns. Aloxáronse na casa do xastre e pasaron unha boa tempada alimentándose sobre todo de cogomelos, sen que ninguén aproveitase na vila os seus coñecementos micolóxicos para compensar as carencias da terríbel escasez.

O caso é que até 1970, cando aparece a primeira asociación mixolóxica galega, A Zarrota, en Vigo, nada se move neste campo entre os comellóns galegos. Nos quince anos seguintes exténdese entre uns cantos o costume de saír ao monte, ante a indiferencia de todos os demais. Tamén tivo moito que ver no estudo e extensión de tan fermosa práctica o Centro Forestal de Lourizán, ubicado na vella residencia de Montero Ríos, acarón de Pontevedra. En 1983 organizou en Mondariz-Balneario a Primeira Feira de Cogumelos.

Pois ben, é un pouco despois, en 1987, cando a novísima Agrupación Micolóxica Poupariña de As Pontes e os Amigos das Setas Viriato, de Cabanas, celebran a Primeira Feira de Cogumelos das Pontes de García Rodríguez, unha das máis inxeniosas e lúdicas de Galicia, que inclúe un interesantísimo Concurso de tapas de cogomelos e fungos. No próximo novembro conmemorarán os vinte anos, despois de iren medrando, consolidándose e logrando cada vez máis visitantes.

De maneira que Poupariña converteuse desde aquela nun punto central do novo costume galego. Na asociación aprenden, divírtense, fomentan a afeizón, saen ao monte, establecen sinerxias medioambientais cos grupos ecoloxistas, e sobre todo cociñeiras e etílicas coas casas de comidas, os bares e as tabernas. E todo resulta perfecto, porque de paso rompen cunha vella e nefanda tradición nacional. As Pontes é agora un lugar imprescindíbel da nova paixón, tal vez o que a vive con máis intensidade.

Sociedade