Pontevedra celebra o centenario de Miss Ledya

Pontevedra celebra o centenario de Miss Ledya

04 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Pontevedra conmemora hoxe o centenario da película ‘Miss Ledya’, a obra realizada polo pioneiro vigués José Gil sobre un argumento de Rafael López de Haro, estreada en 1916 e considerada a primeira ficción do cinema galego. A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e entre os 16 actores e actrices principais do elenco

‘Miss Ledyia’, que chegou ata os nosos días grazas aos materiais conservados polo Museo Provincial de Pontevedra e restaurados por Filmoteca Española e polo CGAI, reflicte espazos como o Gran Balneario da Toxa, as ribeiras do Lérez, Monteporreiro, Portosanto ou A Caeira, para recrear as peripecias de Miss Ledya, sobriña do multimillonario Míster Kazton na súa viaxe a Galicia en febreiro de 1916.

O acto, que estará presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, contará con distintas intervencións institucionais e coa participación do catedrático xubilado de Historia do Cine Ángel Luis Hueso, quen realizará un achegamento ás características e á transcendencia deste filme. Ademais, o pianista Nani García actuará en directo para poñer a música de acompañamento á proxección.

A Consellería de Cultura, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), o Concello de Pontevedra e mais o Museo Provincial da Deputación de Pontevedra colaboran na organización desta celebración, que terá lugar no Teatro Principal, o actual espazo do mesmo nome que o do desaparecido escenario que acollera a primeira exhibición pública de ‘Miss Ledya’ hai cen anos.
 
No acto deste venres tamén se proxectarán outros materiais da época recuperados polo CGAI, como son ‘Botadura do acorazado Alfonso XIII’, de 1913; e ‘O A no Santo en Compostela’, de 1915.

Sociedade