Pontevedra convértese esta semana en centro da reflexión filosófica

Pontevedra convértese esta semana en centro da reflexión filosófica

13 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A Aula Castelao de Filosofía celebra desde hoxe e ata o venres a XXVI Semana Galega de Filosofía, dedicada a reflexionar sobre filosofía e educación. Esta conmemoración centrarase sobre todo en temas actuais como a inclusión nos plans de estudos da materia Educación para a Cidadanía ou a aplicación do Plan de Bolonia nas universidades do país. O o

Desde a Aula Castelao de Filosofía consideran preciso tratar de resolver cuestións básicas como cal é o sentido de educar, cales son as metas da aprendizaxe, ou como se deciden as ideas e valores que se están transmitindo ás novas xeracións.

A Aula Castelao, vinculada ao eido docente durante toda a súa traxectoria, abordará o tema na XXVI Semana Galega da Filosofía desde tres grandes apartados que se corresponden coas sesión de mañá, tarde e noite:

PENSAR A EDUCACIÓN

Recolle o conxunto de cinco ponencias, en sesión de mañá, nas que se pretende analizar o feito educativo dende as principais correntes de pensamento europeo. Os profesores Carlos García Gual, Julia Varela, Rafael Jerez Mir, Marina Subirats e Pedro García Olivo desenvolverán ponencias

que nos ilustrarán sobre a educación e cultura da Grecia Clásica, da ilustración, do marxismo e sobre as tendencias máis actuais, entre o corporativismo, o cambio cultural e a venda subliminal de valores.

GALIZA: PERSPECTIVAS EDUCATIVAS

Reúne as sesións de tarde, que desde unha perspectiva máis próxima e pegada ao desenvolvemento profesional no día a día, nos invitan a reflexionar sobre toda esta situación no noso país, incluíndo, como non podía ser doutra forma, o tema lingüístico. Narciso de Gabriel, Goretti Sanmartín, Marcial Gondar, o membro da aula Domingos A. García Fernandes, María J. Cortiñas e Eva López aportarán ademais a súa experiencia e opinión sobre a ensinanza da filosofía, a educación en condicións difíciles e, en xeral, a educación en Galicia.

OLLADAS Á EDUCACIÓN

As sesións de noite dedicaranse a reflexionar sobre as conexións existentes entre os modelos educativos institucionais e o actual escenario político, económico e social. Manuel Delgado, Carlos Fernández Liria, Paula Casal e Montserrat Galcerán achegarannos temas coma a exclusión social, o

proxecto “gran simio” e os soados Cidadanía e Educación e a aplicación do Plan Bolonia na Universidade. O venres 17, na sesión de clausura coñeceremos a Marta Harnecker, unha muller que adicou a maior parte da súa vida á educación, no seu caso, á de obreiros e campesiños nos fundamentos marxistas. Os seus Cuadernos de Educación Popular son amplamente coñecidos, estudados e utilizados e a súa experiencia quedou plasmada ademais noutras publicacións coma a súa obra Los Conceptos Elementales del Materialismo Histórico. Muller de acción máis que de teoría, Marta Harnecker foi ademais directora do centro de investigacións “Memoria popular latinoamericana”.

 

Sociedade