Pontevedra e a moda

Pontevedra e a moda

20 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Doce estudantes de Deseño Téxtil e Moda expoñerán as súas coleccións na pasarela Debut, que se celebrará o xoves 27 en Pontevedra. Unha semana de actividades acompañarán un evento no que se quere amosar o que se fai en Esdemga e tamén na Facultade de Belas Artes.

En moito máis que nun desfile, en moito máis que no acto de presentación dos traballos de fin de estiudos do alumnado, tense convertido co paso dos anos Debut, a pasarela coa que os Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) celebrarán o vindeiro xoves 27 os seus dez anos de historia. Na súa oitava edición, o desfile virá acompañado dun intenso programa de actividades que se estenderá ao longo dunha semana na que Pontevedra “converterase no centro neurálxico da moda en Galicia”, como salientou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, na presentación deste evento. Nun ano no que cómpre tanto mirar cara o futuro como “botar a vista atrás”, como apuntou a directora da titulación, Lola Dopico, o desfile que cada ano reúne a preto de 2000 persoas no Pazo da Cultura completarase cunha exposición das coleccións realizadas polos titulados e tituladas premiados nas sete edicións anteriores.

“Para nós, esta semana é unha forma de conectarnos coa cidade e amosar o que se fai en Esdemga e na Facultade de Belas Artes”, salientou Dopico na presentación do programa de actividades que se organizan arredor desa “data sinalada no noso calendario” como é a de Debut. O editor de I-D Spain, Vicente Ferrer; o deseñador Leandro Cano; o recrutador de talentos de Inditex Iñigo Guzmán, e a artista e editora da revista Kinfolk, Mayumi Yamase, formarán o xurado responsable de decidir cal será o proxecto gañador dunha pasarela na que estrearán os seus deseños Marta Álvarez, Antía Brión, Raquel Chapela, Sheila Dopazo, Javier Nogueira, Graciela Ramil, Julia Soutullo, Yeray Suárez, Sara Adelaida Vázquez, Aroa Veiga, Pedro Vilar e Ela Nahir Viso. Doce estudantes que ao longo dos últimos meses deron forma a unhas “coleccións moi interesantes, de gran calidade e cunhas diferencias de estilo que nos falan de creadores cunha subxectividade construída, é dicir, de deseñadores con identidade propia”, como salientou Dopico nunha presentación na que estivo acompañada polo vicerreitor, o decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que reafirmou o compromiso do Concello de colaborar cun evento que se ten convertido “nun gran acontecemento cultural que achega unha imaxe marabillosa á cidade”.

Sociedade