Por unhas estradas máis seguras

Por unhas estradas máis seguras
08 de Abril, 2021 - 09:46 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene volverá demandar da Deputación a mellora da seguridade nas travesías da Armada e do Pombal-O Castro. Fene solicita unha xuntanza con Valentín González Formoso para abordar, entre outros asuntos, actuacións que ofrezan maior seguridade peonil nos núcleos de Maniños e Barallobre polos que pasan dúas vías de titulariedade provincial.

Tanto en Maniños como en Barallobre o problema é o mesmo: dúas estradas de titulariedade provincial que soportan un tráfico intenso, que cruzan núcleos de poboación sen beirarrúas e con vivendas en ambas marxes moi próximas ao borde da calzada. A DP-3501 que atravesa A Armada, en Maniños, soporta circulación de entrada e saída cara ao CEIP Prurilingüe Os Casais e, ademais, é un dos pasos obrigados para acceder á Vía de Alta Capacidade -e ao polígono do Vilar do Colo e a AP-9- desde a estrada da Palma.

A Deputación renovou o ano pasado o aglomerado do trazado cun investimento de superior aos 220.000 euros que, porén, a día de hoxe segue sen sinalización horizontal. Ademais, o novo firme elevou varios centímetros a altura da plataforma con respecto ao nivel das vivendas, algo que pon en perigo o seu uso tanto por parte dos peóns como do tráfico rodado. A solución proposta polo Concello (e acordada coa Deputación ata en dúas ocasións) pasaría por construír polo menos unha senda peonil en "V" que lles evitase aos peóns ter que acceder á calzada e que tamén axudase a canalizar a auga da chuvia.

Unha situación moi parecida repítese na DP-3503 que vai desde a estrada da Palma até San Marcos atravesando de leste a oeste case todo o territorio municipal. Un dos puntos críticos é o tramo duns 500 metros comprendido entre as pistas de atletismo de Barallobre -onde rematan as beirarrúas- ata pasado o lugar do Castro, preto xa do acceso ao cemiterio municipal. Aquí tamén o concello pediu en reiteradas ocasións nos últimos anos a execución dunha senda que ofrecese maior seguridade para tráfico e peóns, algo que si se fixo na zona próxima á igrexa de San Xurxo, en Magalofes, pero que segue pendente nesta zona de Barallobre afectada pola circulación cara ao camposanto e á N-651. 

Ademais, varios metros máis abaixo, tamén agardan a súa execución outras medidas de seguridade para o alumnado do instituto "comprometidas pola Deputación tempo atrás", tal e como recorda o alcalde, Juventino Trigo. O Goberno local considera que a estrada de Barallobre e a da Armada precisan "solucións urxentes que a Deputación quedou en dar varias veces sen que por agora se concretasen", comenta Trigo. O rexedor fenés cursou hai uns días a solicitude formal dun encontro con Valentín González "para tratar este e outros asuntos de interese municipal". Á xuntanza co presidente provincial -que aínda non ten data fixada- tamén asistirán canda a Trigo o responsable de Urbanismo, Manuel Polo, e a responsable de Obras, Mar Piñeiro.

(Na imaxe, estrada da Armada en Maniños)

Institucional

Publica o teu comentario agora