ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Obradoiros de serigrafia, cociña creativa, estimulación, cognitiva, horta e Precius plastic. Son algunhas das actividades que ten en marcha o centro ocupacional de Aspaneps, na rúa do Castro, cinco de Perlío. Participan nelas 21 persoas, procedentes de toda a comarca. Esta mañá realizaron unha xornada de portas abertas, recibindo a visita da cidadanía.
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asinou tamén esta mañá, coa presidenta da Asociación de pais e nais de nenos con problemas psicosociais (ASPANEPS), María Elena Rodríguez Seoane, un convenio de colaboración entre o Sergas e esta entidade, para a actualización e implantación do proceso asistencial no eido dos trastornos da aprendizaxe e de saúde mental infanto-xuvenil, e ao que o Executivo galego destina 150.000 euros.
No acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, e pola subdirectora xeral de Atención Primaria do Sergas, Sinda Blanco, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou o valor que ten o traballo que se fai dende ASPANEPS, non só con nenos e adolescentes, senón, tamén, coas súas familias.
O máximo responsable da sanidade pública galega incidiu en que, o labor asistencial que fan os profesionais do Sergas da unidade de saúde mental infanto-xuvenil da área sanitaria de Ferrol, está en coordinación co programa que desenvolve ASPANEPS, poñendo en contacto ás familias, e a contorna escolar e social do menor.
O pasado ano, ao abeiro deste convenio, atendéronse a máis de 450 nenos e nenas, dos cales a unidade de saúde mental infanto-xuvenil do Hospital Universitario de Ferrol derivou ao programa desta asociación 263 novos casos tratados en primeira consulta, posto que, -tal e como sinalou o conselleiro-, diagnósticos como o déficit de atención e hiperactividade, que foi o maioritario, ou sospeitas de trastorno do espectro autista e distintas dificultades na aprendizaxe, precisan desa atención integral.
Case 3.000 consultas programadas o ano pasado, falan, -remarcou o máximo responsable do Sergas-, do esforzo que fai ASPANEPS por dar resposta ás necesidades destes nenos e nenas.
Plan de saúde mental
O conselleiro incidiu en que o traballo de ASPANEPS é un complemento esencial do Plan de saúde mental da Xunta, e puxo en valor que, despois da pandemia, Galicia foi das primeiras comunidades en definir unha folla de ruta poñendo en marcha o Plan de saúde mental pos covid 2020-2024, ao que destinou un orzamento de 83 millóns de euros.
Xunto ao anterior, a Xunta creou, nos últimos catro anos, 241 novas prazas de persoal de saúde mental, aumentando en 10,3 millóns de euros o investimento anual do Sergas neste persoal, sendo a atención á infancia e á xuventude un dos puntos claves deste plan.
O novo modelo de atención que en materia de saúde mental se marca o Sergas establece como obxectivos, -proseguiu o conselleiro-, que o paciente participe nos seus coidados e que se integre na contorna comunitaria, ademais de promover programas de prevención e atención precoz.
Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que, a través de convenios como o que hoxe asinou con ASPANEPS, a Xunta recoñece o papel da iniciativa social.
Posteriormente, o conselleiro de Sanidade, fixo un percorrido polas instalacións guiado pola presidenta de Aspaneps, visitando as salas de consulta de psicoloxía, e as de atención temperá e de terapia ocupacional, entre outras dependencias.
Publica o teu comentario agora