Portas abertas na Escola Naútica de Ribeira

Portas abertas na Escola Naútica de Ribeira

26 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Consellería do Mar potencia e divulga a súa oferta formativa a través dunhas xornadas de portas abertas que se celebrarán entre hoxe e o 28 de maio nos catro centros da súa competencia, o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico, de Vigo; a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O obxectivo desta iniciativa &e

Hoxe e mañá serán a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Igafa os que dean a coñecer as súas ensinanzas. O centro de Ribeira pode visitarse en horario de mañá e tarde e nel ofrecerase un percorrido polas instalacións, guiado por persoal do centro para informar aos visitantes das diferentes ensinanzas que imparte, das súas saídas profesionais e do funcionamento das instalacións. Ademais os visitantes terán a oportunidade de ver dúas exposicións. Unha delas de motores reais en miniatura feitos artesanalmente e que conta con vídeos de mostra no que o autor explica o proceso de fabricación. Nesta mostra tamén se poderán observar aparatos náuticos antigos. A outra exposición é fotográfica e sobre a cultura tradicional mariñeira e a recuperación da memoria etnográfica da poboación mariñeira de Aguiño.

No Igafa presentarán a súa oferta atendendo aos colectivos de alumnos/as, de equipos directivos e docentes de centros de educación secundaria e a empresas específicas de acuicultura e mergullo. Isto último, realizarase a maiores no mes de xuño para propoñer novas liñas de colaboración ou melloras nas xa existentes na actualidade e abrir un foro de suxerencias sobre necesidades formativas e/ou liñas de futuro. Para poder ver o centro hai dúas quendas de visita, unha ás 10:00 horas e outra ás 12:00 horas.

Mañá 27 de maio e o 28 será o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo o que abra as súas portas para presentar a súa oferta formativa da familia profesional marítimo-pesqueira, ciclos medios e superiores de ponte e máquinas e certificados de Profesionalidade de Pesca e Mercante. Farano fundamentalmente para alumnos de centros de educación secundaria e bacharelato, sobre todo procedentes de zonas tradición pesqueira, coa intención de que coñezan as instalacións do centro, as aulas de simulación, de pesca, de navegación, de GMDSS, de motores, etc. e que vexan o tipo de traballos que realizan os alumnos. A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol realizará estas xornadas o día 28 de maio.Tamén para expoñer a súa oferta formativa e presentar as súas instalacións, entre elas a aula de seguridade. A maiores, o 4 de xuño, este centro volverá a abrir as súas portas coa mesma finalidade.

Con este tipo de iniciativas, a Consellería do Mar busca dar a coñecer os centros da súa competencia, para a captación de alumnado e para poñer en coñecemento do sector pesqueiro as titulacións que se imparten nestes centros.

Sociedade