Posponse o Deporte na Rúa

Posponse o Deporte na Rúa
03 de Xullo, 2026 - 11:50 h. | Publicada por Radio Fene



Adiado o Día do Deporte na Rúa debido a vaga vermella de calor. Anunciouno esta mañá en Radio Fene a concelleira de Deportes, Alba García.

ESCOITA O PODCAST:

O Concello de Fene decidiu adiar a celebración do Día do Deporte na Rúa, prevista para  este domingo, debido á vaga de calor. “Consideramos que o máis responsable, estamos en alerta 3, en risco extremo, así que consideramos que por precaución é mellor adialo”. A decisión tomouse debido ás condicións de calor extremo previstas para estes días. A Xunta ampliou nas últimas horas a alerta vermella por episodio de calor a 138 concellos galegos. Suspendeu, por este motivo, a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior hoxe de 12.00 a 20,00 horas na meirande parte de Galicia incluído o noroeste da provincia da Coruña.      

Consellos para evitar golpes de calor

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e abrir as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora