Posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por San Xiao do Camiño

Posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por San Xiao do Camiño

21 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel visitou esta mañá o Concello de Palas de Rei para supervisar as obras de restauración e posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por San Xiao do Camiño, no concello lucense, que a Consellería de Cultura e Turismo está a financiar cun orzamento de 230.933 euros. O director xeral estivo acompañado na súa visita polo alcalde de Palas de

O proxecto da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contempla a recuperación e posta en valor do Camiño, tratando de eliminar os elementos engadidos en desacordo co ambiente tradicional e rural e mellorar as condicións de uso do núcleo por parte dos seus habitantes e dos peregrinos de paso. Para acadar un mellor funcionamento da rede de recollida de augas e evitar a presenza de terra arrastrada pola chuvia ao longo do camiño, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural constrúe un muro no extremo este do núcleo. Neste punto execútase tamén unha canle de pedra no borde do Camiño para recoller as augas cun mellor funcionamento e mantemento.  

Estes traballos de construción dos muros de contención e peche xa foron iniciados. A cimentación e contención de formigón do que está situado na parte alta da aldea, na entrada do camiño, atópase rematada. Proximamente iniciaranse os traballos de forro acabado de pedra do muro. 

Do mesmo xeito recuperaranse os hórreos situados no contorno inmediato do Camiño, así como o bebedoiro e o lavadoiro existentes en estado de abandono. Na zona na que se sitúa a igrexa e o cruceiro actuarase sobre o pavimento buscando crear un espazo de repouso. As actuacións nos hórreos foron tamén iniciadas e un dos mesmos xa se atopa rehabilitado. 

Nesta liña de protección e posta en valor do Camiño e das rutas xacobeas, en 2011 acometeranse as obras referidas ao Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago deseñado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Trátase dun investimento de máis de  2,1 millóns euros, cofinanciados entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, para o acondicionamento de trece tramos da ruta xacobea en doce municipios de Galicia polos que discorre o Camiño Francés.  

En concreto, a primeira fase do Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago inclúe actuacións nos municipios de Sarria, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela, Monterroso e Palas de Rei na provincia de Lugo; e Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela na provincia da Coruña. O obxectivo da Consellería de Cultura e Turismo é que o Plan se amplíe a todos os Camiños de Santiago no seu desenvolvemento futuro. 

Co programa de intervencións nos espazos públicos abórdase a recuperación sustentable e a posta en valor dos lugares de uso comunitario como prazas, fontes ou lavadoiros que serven de punto de encontro para a celebración de reunións, festas ou actividades comúns nos núcleos rurais. Entendemos estes espazos como lugares de intercambio de cultura e coñecementos que fomentan as actividades sociais e que son sinais de identidade propios e singulares da nosa paisaxe cultural.

Sociedade