Pouco persoal e mala comida

Pouco persoal e mala comida
28 de Maio, 2020 - 11:12 h. | Publicada por Radio Fene

As residencias privadas de persoas maiores contan con pouco persoal especializado e ofrecen menús escasos e de baixa calidade. A Federación de usuarios e familiares de usuarios de residencias xunto con ACOUGA preparan unha demanda colectiva contra Domus Vi en cuxas residencias se produciu o maior número de contaxios e mortes por coronavirus en Galicia.

ESCOITA O PODCAST:

A Federación de usuarios e familiares de usuarios de residencias xunto con ACOUGA (Asociación de consumidores e usuarios de Galicia) preparan unha demanda colectiva a Domus Vi ao constatar que nas súas residencias- 18 privadas e 12 públicas de xestión privada- se produciron máis contaxios e mortes de coronavirus en Galicia. Apunta o avogado e directivo de Acouga, Xoán Antón Pérez Lema que, mentres nas residencias públicas non faleceu ninguén, no conxunto das residencias que xestiona Domus Vi faleceu o 46% das mortes rexistradas en todo o noso país. Só en tres delas os casos supoñen máis do 20%. No caso das mortes e graves secuelas causadas por unha actuación neglixente, a demanda colectiva segue dúas vías de actuación, segundo explica o avogado, unha vía penal contra os xestores das residencias e outra contra os cargos públicos do SERGAS que puideron ser corresponsables dos feitos.

Pérez Lema observa incumprimentos en relación aos contratos de prazas privadas ou concertadas e de cláusulas abusivas. Pon o exemplo da prestación de medicina preventiva ou asistencial que se asume nos contratos pero se incumpre na realidade. Tampouco se cumpre a ratio dos 0,35 traballadores por residente dependente. Cita os tres casos de residencias que sumaron elas soas máis do 20% das mortes en Galicia e a metade das mortes do conxunto das residencias de Galicia; Barreiro en Vigo, a de Aldán en Cangas e San Lázaro en Santiago. “Falamos dun grupo que fai do beneficio o seu programa” afirma Pérez Lema. E engade: “É legal pero non é lexítimo ceder o coidado de persoas maiores vulnerábeis e desprotexidas, a multinacionais que só buscan facer negocio”. E engade, “é unha liña potenciada pola Xunta de Galicia desde o ano 2009 cando chegou ao goberno Núñez Feijoo”.

Segundo o avogado, a máxima deste grupo é aumentar o número de usuarios para optimizar os seus beneficios, maximizar os prezos -entre 1800 e 2200 € - e recortar os gastos en persoal, non cubrindo as quendas de vacacións, non respectando os descansos ou substituíndo persoal especializado por outro máis barato. A presencia destas empresas financiadas por fondos multinacionais é ocupar o espazo que deixa baleiro Xunta de Galicia, sentencia. Chegamos a esta situación coa venda de Geriatros a estes monopolios, e apunta Pérez Lema, menos Josefina Fernández, os directivos son todos estranxeiros. As pequenas residencias privadas, tamén buscan o beneficio, pero polo menos están inseridas na súa contorna, as súas direccións teñen nomes e caras.

Sociedade

Publica o teu comentario agora