Poucos dias para o festival de Pardiñas

Poucos dias para o festival de Pardiñas

26 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Guitiriz e Pardiñas convírtense a vindeira fin de semana na capital europea da musica máis tradicional. Á beira dun dos balnearios da localidade luguesa, acudirán os amantes do folc e da festa. O festival organizado pola asociación Xérmolos cumpre 30 anos e esperan contar cunha asistencia de máis de 25.000 persoas.

O sábado 1 abrirá a xornada a banda holandesa de raíces hispanas Muyayos de Raiz. Este grupo, que reside en Utrech, emprega os seus propios arranxos para explorar novas formas de música tradicional. Tomará o relevo La Belle Image Fanfare, unha das referencias da música popular e tradicional de América Latina, a pesar de nacer na localidade francesa de Orleáns. Pero o prato forte do Festival chegará a posteriori. Despois de varios anos na súa procura, actuará no escenario Estrella Galicia a formación sueca Hedningarna. Este é un dos grandes nomes do folk europeo, gracias á súa mestura de música tradicional fusionada con influencias de techno ou rave. Por último, contra a mañanciña, será a quenda para a big-band explosiva de A Grela, Banda Potemkim, que cargará as pilas para bailar ata o almorzo.

 

Para o domingo quedarán o grupo de percusión de Vigo, Bloquinho da Salgueira, que achegará a Samba, o Reggae e o Afrobahiano a Guitiriz. Despois subirase ao escenario a banda de folk compostelá Lúa de Fouce, para deixar paso a un clásico da música galega como é o Pepe Vaamonde Grupo e a rabia e o dinamismo de Pan de Capazo, que pechará as actuacións musicais de Pardiñas.

 

Pero falar deste festival non é falar só de música. Tamén haberá espazo para a XVI mostra de Artesáns de instrumentos tradicionais, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que contará coa participación de preto de 30 profesionais e coas actuacións de “Tanto nos ten”, de Redondela e de “A requinta da laxeira”, de Vedra.

Cultura