Praias máis seguras

Praias máis seguras
10 de Xullo, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene decidiu delimitar unha zona de seguridade para o baño nas súas praias que chega até os setenta metros mar adentro e que discorre ao longo de case un quilómetro de litoral.

 

Para evitar a entrada de embarcacións e que os bañistas poidan disfrutar sen riscos, instalouse unha liña de balizas amarelas que se extende desde Río Sandeu ata a metade fenesa de Río Castro. Dentro de toda esa área, reservada exclusivamente para bañistas, están prohibidos todos os deportes náuticos e a navegación recreativa -windsurf, motos náuticas, veleiros, embarcacións de motor, etc-, aínda que no límite con Ares en Río Sandeu o Concello de Fene deixou unha canle que deberá ser utilizada obrigatoriamente "por todas as embarcacións ou artefactos flotantes, calquera que sexa o seu medio de propulsión" que saian ou se dirixan a terra por esa zona. A entrada/saída teñen que facela sempre en perpendicular á costa e sen exceder os 3 nós de velocidade e na canle de acceso non se pode fondear, nin tampouco está permitido bañarse. O balizamento de Río Sandeu, O Coído, Almieiras e parte de Río Castro, "era algo que moitas persoas usuarias das praias viña pedindo hai tempo e que ten toda a lóxica. Incluso ten habido algún problema entre bañistas e tripulantes. Esa foi unha das razóns que nos levaron a segregar os espazos dándolle prioridade á seguridade de quen se está bañando ou nadando", indica a concelleira de seguridade, Sandra Permuy.

Sociedade

Publica o teu comentario agora