Prazo de alegacións para o parque eólico Caaveiro

Prazo de alegacións para o parque eólico Caaveiro
17 de Xuño, 2021 - 11:15 h. | Publicada por Radio Fene

O Boletín Oficial do Estado deste martes publicou o anuncio do Ministerio de Política Territorial e Función Pública mediante o que se somete a información pública tanto o estudo de impacto ambiental como a solicitude de autorización administrativa previa para o parque eólico Caaveiro, que lle afectaría aos concellos de San Sadurniño, Cabanas, Fene e Neda, ademais de aos da Capela e As Pontes con liñas de evacuación e outras infraestruturas. O proxecto, de 78 MW, contempla a instalación de 14 aeroxeradores (máis un de reserva) distribuídos polos catro municipios, dos cales 5 -todos cunha altura próxima aos 200 metros- irían na zona do monte da Louseira, na Cortella, no entorno da Penamoura e tamén preto das Cancelas, en Naraío. A publicación do anuncio marca desde onte mércores un prazo de 30 días hábiles -até o 27 de xullo- para presentar alegacións. O trámite haberá que facelo perante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. Á información dispoñible sobre o proxecto pode accederse desde esta ligazón.

O proxecto eólico Caaveiro afecta a parte das fragas do Eume

O Concello de San Sadurniño programará unha xuntanza de carácter informativo coa veciñanza para trasladarlle todos os detalles sobre este proxecto, que forma parte dun conxunto de 6 parques eólicos promovidos por ENEL Green Power S.L. (Endesa) nun radio de 50 quilómetros ao redor de As Pontes e que, en conxunto, sumarían máis de 600 MW de potencia instalada.

Os dous primeiros que entraron en exposición pública son o denominado Caaveiro -o que máis lle afecta a San Sadurniño- e tamén o chamado Tesouro, de 60 MW, que ocupará parte da zona do Forgoselo, na Capela, e da escombreira de Endesa, xa nas Pontes, cun total de 12 turbinas e seis emprazamentos alternativos de reserva por se algúns deses muíños proxectados finalmente son considerados como non viables durante a tramitación. O anuncio de exposición pública atópase aquí.

Ademais destes dous, nos anuncios do BOE tamén se citan os parques de Barqueiro, Badulaque, Santuario e Moeche sen precisar o seu emprazamento, que irían conectados igual que os outros dous á subestación de Red Eléctrica situada na térmica das Pontes. Prevese que á volta duns dez ou quince días saia publicado o anuncio e a documentación completa do parque proxectado por ENEL en Moeche. Segundo parece, este último non contempla a instalación de aeroxeradores no noso territorio, aínda que unha pequena parte de San Sadurniño limítrofe co municipio veciño si estaría afectada pola poligonal dese parque.

Tramitacións aceleradas e dificultade para atopar a información
En calquera caso, o proxecto P.E. Caaveiro é o primeiro con incidencia destacada en San Sadurniño do que hai documentación dispoñible e prazo concreto de alegacións. Na publicación do BOE sinálanse tan só 30 días hábiles contados desde onte mércores, a pesar de que na web da Delegación do Goberno, canda á documentación, aparece a frase "2 meses", sen máis, o que induce a pensar erroneamente que se trata do período de alegacións.

Ademais, no anuncio do Boletín Oficial do Estado indícanse ligazóns para acceder aos documentos que non levan directamente a eles, senón que obrigan ás persoas interesadas a bucear pola web da Delegación do Goberno ata dar con eles. "Os proxectos son complexos de entender e difíciles de obter a menos que se saiba andar por internet e se teña unha boa conexión. Os prazos de alegación son reducidísimos a pesar de tratarse dunha cuestión con grandes repercusións para o territorio e, resumindo, toda a tramitación de parques eólicos estase facendo de costas á xente e poñendo obstáculos para que poidan defender os seus dereitos", comenta Secundino García.

Por este motivo o alcalde cursou solicitudes formais á Xunta e ao Estado para que lle proporcionen ao Concello a información da que dispoñan sobre proxectos que se encontren en calquera fase de tramitación. Ademais, o consistorio tamén está estudando aquela que xa se coñece "e a que se poida publicar proximamente sobre outros proxectos que lle poidan afectar a San Sadurniño" co obxectivo de trasladarlla á veciñanza en encontros que se convocarán en cuestión de días xa que, segundo o alcalde, "os tempos son os que son e non hai moita marxe de manobra".

O trámite do P.E. Caaveiro e doutros que pretenden asentarse na zona é de competencia estatal por tratarse de parques cunha potencia instalada superior aos 50 MW, de modo que os escritos de alegación deberán dirixirse á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, situada na Praza de Ourense 11, C.P. 15003 A Coruña. As persoas físicas poderán exercer ese dereito indistintamente polo rexistro presencial ou telemático, mentres que as persoas xurídicas e entidades deberán facelo obrigatoriamente por vía electrónica.  Tamén se poderá consultar a documentación nas propias dependencias da Delegación do Goberno solicitando cita previa no 981 989 559 ou no correo electrónico industria.acoruna@correo.gob.es.

Anuncio publicado no BOE sobre a exposición pública do P.E. Caaveiro (alegacións até o 27 de xullo)
Ligazón á documentación do proxecto

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora