Preestrea de Lúa vermella

A película de Lois Patiño chega a Ferrol
15 de Outubro, 2020 - 10:28 h. | Publicada por Radio Fene

O cineasta galego Lois Patiño presenta nos Duplex Cinema de Ferrol o seu filme “Lúa vermella” . A preestrea do filme en Ferrol será o día 28 de outubro.

Lois Patiño (Vigo 1983) presenta nos Duplex Cinema de Ferrol o seu filme “Lúa vermella”, presentado na Berlinale e recoñecido como o mellor filme español na sección Zonacine en Málaga logo do seu paso por diversos festivais internacionais, entre outros en Berlín. Supón a consolidación do autor de “Costa da morte”. O director galego acudirá á preestrea na sala ferrolá o vindeiro 28 de outubro ás 19:45h, antes da súa estrea comercial en salas.

Unha historia de meigas e outras criaturas mitolóxicas que reflexiona sobre a identidade cultural de Galicia e que se erixe en exploración plástica do tempo, á altura dos mellores cadros románticos, como ben destacou o crítico de The Hollywood Reporter, Nel Yound. Lúa vermella mergúllase na Galicia do mar comprendéndoa na súa dimensión física e imaxinaria, onde realidade e lenda se funden, e  onde o mar e a morte se entrecruzan con toda a súa carga mítica e evocadora. Afonda así no universo retratado no seu anterior filme “Costa da morte”.

En Lúa vermella a historia real do Rubio de Camelle, un buzo que rescatou máis de 40 cadáveres de náufragos perdidos no mar, vese envolta polos seres que pooboan o imaxinario fantástico galego. Un universo mítico que segue a estela de autores como o pintor Urbano Lugrís ou o escritor Álvaro Cunqueiro, quen escribiu a frase, de forte influencia para a fita: “O océano é un animal que respira dúas veces ao día”.Na vila onde transcorre esta historia, todas a spersoas están paralizadas e ensimesmadas. Como na pintura O ángelus de Millet, referente importante na película, as persoas non están detidas dun xeito artificial, senón que a inmobilidade semella responder a un momento de recollemento e meditación ou mesmo de duelo.Sobre esta quietude introspectiva articúlase a linguaxe do filme. Unha forma narrativa que nos permite explorar a natureza maleábel do tempo, pasando do seu fluir na natureza á suspensión temporal da introspección, ao tempo mítico -atemporal- da lenda.

Na imaxe, Lois Patiño)

Cultura

Publica o teu comentario agora