Premio para o proxecto da segunda fase do Parque Castelao

Premio para o proxecto da segunda fase do Parque Castelao

30 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene conta con rematar no prazo dun ano o parque Castelao. Trala inauguración da Galaxia Imaxinaria, en poucas semanas comezarán as obras da segunda fase, a que ocupa a marxe dereita da antiga finca de Cela.  O proxecto foi merecedor do premio "Luís Salvador 2008" que concede o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña.

Fachendoso amosábase este mediodía o alcalde de Fene na presentación do proxecto da II Fase do Parque Castelao, unha actuación que ven de ser galardoada co premio Luís Salvador ao mellor proxecto 2008, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de A Coruña.

"Novidoso e singular”. Con estas palabras definía Iván Puentes unha intervención que, segundo dixo, “vai permitir poñer a Fene no mapa dos espazos de lecer da comarca”.

O proxecto desta segunda fase do Parque Castelao contempla un sendeiro con pendente reducida, para favorecer a accesibilidade das persoas con discapacidade, e catro áreas temáticas de esparcemento e de lecer, seguindo a estética da Galaxia Imaxinaria.  Neste senso haberá un planeta dos olores, outros das cores, o da infancia e tamén o da saude.

As obras nesta segunda actuación no Parque Castelao comezarán en breve, probablemente antes do verán, e concluirán no prazo dun ano, segundo as previsións do alcalde de Fene. Completada xa a fase previa do movemento de terras e acondicionamento do terreo, a partir de agora serán os alumnos da escola taller de Fene os que desenvolvan o proxecto, nas distintas especialidades nas que se estiveron formando nos últimos meses (albanelería, carpintería e xardinería).

En rolda de prensa, Ivan Puentes agradecía este mediodía ao anterior responsable da Consellería de Traballo a súa aposta por este proxecto que suporá un investimento de setenta millóns das antigas pesetas no concello de Fene.

Sociedade