Premios para estudantes da Politécnica do Campus de Ferrol

Premios para estudantes da Politécnica do Campus de Ferrol
03 de Marzo, 2021 - 01:16 h. | Publicada por Radio Fene

Premio para alumnos do máster en Dirección e Administración de Empresas da UDC e Premio para estudantes do terceiro curso de grao da Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol.

Botando man da empresa ficticia “AUPG Consulting”, Blanca Rodríguez Calo, Agustina Queijo Beloqui, Juan Cruz Martínez e Roger Bruno Villacorta Caipo, alumnos do máster en Dirección e Administración de Empresas, gañaron a segunda edición da Global Management Challenge Galicia (GMC), un campionato no que participaron preto de 100 estudantes universitarios de toda a comunidade e que tivo lugar o pasado 26 de febreiro nunha xornada en liña debido á actual situación sanitaria derivada da COVID-19. Logo de acadar este galardón, os catro estudantes da Facultade de Economía e Empresa do Campus da Coruña representarán a Galicia na Final Nacional da GMC, un evento en liña que terá lugar a mediados do mes de maio. Nese intre, os alumnos da Universidade da Coruña enfrontaranse a equipos procedentes doutras comunidades autónomas como Aragón, Castilla y León, País Vasco, Extremadura, Castilla-La Mancha, Comunidad Valenciana, Andalucía ou Madrid. O campionato arrincou o pasado mes de novembro con 24 equipos. Logo de pasar unha ronda de eliminatoria tan só 8 participaron na final autonómica. Esta non é a primeira vez que o alumnado do máster en Dirección e Administración de Empresas acada este galardón. De feito, dous alumnos desta titulación, Carolina Teijeiro Torrón e Alejandro Fernández Rodríguez, representaron a Galicia na Final Nacional da GMC no ano 2020.

Premio para a Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol

Baixo o paraugas da empresa ficticia “SWAT Managers”, Nerea Nieto Hermo, Lucía Castelo Caamaño, Ana Ortega Sarceda e José Francisco Andrade Soto – estudantes do terceiro curso do grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais – acadaron o Segundo Premio na final galega da Global Management Challenge. Esta tampouco é a primeira vez que a Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus de Ferrol consegue algún galardón no campionato. De feito, na edición de 2020, un grupo de estudantes do grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais conseguiu tamén o Segundo Premio, e outro grupo de alumnos do máster en Enxeñaría Industrial o Terceiro.

Xestión e toma de decisións nun mercado real e competitivo

A diferencia da maioría de competicións de plans de negocio e de creación de empresas, na Global Management Challenge (GMC), os participantes aprenden a xestionar, a tomar decisións axeitadas en cada momento e a entender o seu impacto en todas as áreas da empresa. Do mesmo xeito, tal e como indican desde a organización do certame, inicia aos mozos e mozas universitarios no uso de ferramentas de decisión o que lles permite analizar o estado e evolución da súa empresa ao tempo que se enfrontan a un mercado real e altamente competitivo.

(De esquerda a dereita, Nerea Nieto Hermo, Lucía Castelo Caamaño, Ana Ortega Sarceda e José Francisco Andrade Soto, estudantes do grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais do Campus de Ferrol, que obtiveron o Segundo Premio na Global Management Challenge Galicia)

Cultura

Publica o teu comentario agora