Preocupación polo saneamento

Preocupación polo saneamento
25 de Febreiro, 2025 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene demanda á Xunta máis apoio para mellorar o saneamento no municipio. O alcalde, Juventino Trigo, xunto cos rexedores de Ares, Julio Iglesias, e de Mugardos, Juan Domingo de Deus, reuniuse por este motivo coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, como explicou en Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

A suba unilateral do canon de saneamento supón un problema gravísimo para as arcas municipais. Desde o Concello de Fene trasladouse á Xunta a necesidade urxente de apoio técnico e económico para optimizar as infraestruturas de saneamento e reducir os caudais de augas residuais, garantindo un servizo eficiente e sostíbel para a veciñanza.

O alcalde, Juventino Trigo, destacou que “Fene leva anos asumindo actuacións para mellorar o saneamento, pero é imprescindíbel que a Xunta se implique de forma decidida nesta cuestión. O saneamento e o tratamento das augas residuais son competencias municipais, pero os concellos precisamos axuda para acometer melloras que beneficien a toda a poboación".

Juventino Trigo reclamou que Augas de Galicia actúe para dar unha solución definitiva aos desbordamentos do río en Perlío, xa que cando isto acontece, a auga acaba entrando no sistema de saneamento, sobrecargando as infraestruturas municipais e xerando un aumento innecesario nos custos de depuración. "É un problema que se repite periodicamente e que ten un impacto directo tanto na capacidade da rede como nos gastos municipais. A Xunta debe asumir a súa responsabilidade e ofrecer unha solución eficaz", reclamou Trigo.

Institucional

Publica o teu comentario agora