Prepárase a festa de benvida ao 2024

Prepárase a festa de benvida ao 2024
29 de Decembro, 2023 - 11:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene está a ultimar os preparativos para a Festa de Fin de Ano, que decorrerá nas primeiras horas do 2024 na Praza do Alcalde Ramón Souto, coa instalación de elementos estruturais e a decoración que adornará o espazo. Trátase da segunda edición deste evento, tras o grande éxito colleitado na edición que deu a benvida a este 2023. A festa comezará unha hora despois das uvas coa actuación da Orquestra Finisterre, unha formación que durante a súa traxectoria de máis de 15 anos foi bebendo dos diferentes xéneros da verbena, e cuxo repertorio inclúe tanto os temas do momento como tamén os clásicos aclamados polo público. A continuación, será o DJ Frank Fairlane o encargado de amenizar a festa até o amencer, cunha sesión que percorrerá estilos como o rock, pop, disco, latino e temas actuais, entre outros.

Fotografía Xan Xe

A gran expectación xerada en Fene arredor da Festa de Fin de Ano levou ao Concello a ter que ampliar o espazo respecto á edición anterior. “Unha das novidades deste ano é que a carpa será máis grande para poder acoller a máis persoas no seu interior, ante as previsións dunha gran asistencia”, indicou a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, quen lembrou que “xa no mes de setembro comezaron a preguntarnos polas actuacións musicais”. “A Festa de Fin de ano chegou para quedar”, sentenciou a concelleira. No espazo da Festa ofreceranse servizos de gardarroupa e barra, e ao remate, haberá chocolate con churros a disposición das persoas presentes.

San Silvestre e Cabalgata das SSMM

Ademais da Festa de Fin de Ano, Fene continúa coa programación de Nadal con dous grandes eventos no calendario. O primeiro será este sábado, 30 de decembro, coa celebración da carreira popular de San Silvestre, na que participarán máis de 400 persoas (314 atletas nas diferentes categorías e 152 participantes na andaina).

Por outra banda, o Concello de Fene tamén está a preparar a Cabalgata das SSMM Os Reis Magos de Oriente, que terá lugar o 5 de xaneiro ás 17.30h, con saída do CCRD de Perlío. A comitiva percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais con remate na Praza do Alcalde Ramón Souto onde as SS.MM Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán a todos os nenos/as que desexen coñecelos e trasladarlles as súas peticións.

 

Fotografía Xan Xe (Festas en Perlío)

Sociedade

Publica o teu comentario agora