Prepárase a festa do fútbol

Prepárase a festa do fútbol
02 de Agosto, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O campo do Cultural Maniños acollerá o vindeiro 10 de agosto o Trofeo de Fútbol “Concello de Fene” no que tomarán parte a S.D.Barallobre, o Cultural Maniños S.D. e o C.C.R.D. de Perlio. Poderán participar tantos xogadores por encontro “como licencias federativas teña o club”. O torneo xogarase atendendo ao sistema de “todos contra todos”, é dicir, cada equipo enfrontarase aos outros dous equipos unha vez en partidos de 45 minutos cun descanso de 15 minutos entre eles.

Fotografia Xan Xe

O regulamento do Trofeo foi consensuado polo concelleiro de Deportes, Adán Chao, cos clubs participantes. O edil afirma que o torneo “nace con vocación de continuidade e coa idea de estreitar lazos entre os equipos do Concello”. Ademais, Adan Chao agarda a celebración deste torneo con moita ilusión e coa expectativa de que a veciñanza de Fene asista e arroupe aos equipos durante os distintos encontros.

Segundo se establece nas bases, o campo de xogo dos encontros do triangular será rotatorio, celebrándose cada ano no campo dun dos equipos participantes pola seguinte orde establecida por sorteo: Campo do Cultural Maniños S.D. - Campo da S.D. Barallobre - Campo do CCRD Perlío.

A xornada desenvolverase atendendo ao seguinte cronograma:

17:30 horas_Equipo visitante 1 vs. Equipo visitante 2

(Equipo anfitrión descansa)

18:30 horas_Equipo anfitrión vs. Equipo perdedor do primeiro

partido

19:30 horas_Equipo anfitrión vs. Equipo gañador do primeiro partido.

Outorgaranse 3 puntos por vitoria, 1 punto por empate e 0 puntos por derrota. Os eventuais empates do Triangular resolveranse, en primeiro lugar, pola maior diferencia de goles obtidos e recibidos, tendo en conta tódolos encontros do Torneo; en segundo lugar, polo maior número de goles marcados, tendo en conta tódolos conseguidos no Torneo; e en terceiro, polo resultado do partido xogado entre eles.

Ao finalizar cada encontro, sexa cal sexa o resultado, procederase a 3 lanzamentos desde o punto de penalti. E, se tras deles non se declara un vencedor, continuarase cos lanzamentos ata que se declare un. Este resultado terase en conta como última posibilidade para desfacer un posible empate na clasificación xeral do grupo. Así mesmo, no suposto de empate no primeiro partido, estes lanzamentos determinarán quen é o vencedor a efectos da celebración do segundo encontro.

Os premios consistirán en material deportivo:

• O campión do Torneo recibirá material deportivo por importe de 700€

• O 2º clasificado recibirá material deportivo por importe de 500€

• O 3º clasificado recibirá material deportivo por importe de 300€

Entregarase ademáis un trofeo que estará en posesión do equipo que gañe cada ano e que pasará a estar en propiedade do equipo que gañe 3 veces consecutivas ou 5 veces alternas.

En todo aquilo non previsto expresamente nas presentes Normas resultarán de aplicación as disposicións recollidas no Regulamento Xeral da Federación Galega de Fútbol, no Regulamento de Réxime Disciplinario da Federación Galega de Fútbol e nas Normas Reguladoras nas Competiciós vixentes na tempada de que se trate.

 

Imaxe partido Perlío - Maniños

Fotografía Xan Xe

Deportes

Publica o teu comentario agora