Preparados para o desafío

Preparados para o desafío
11 de Xuño, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Alumnado do IES de Fene vai competir no Hiperbaric Challenge que se celebra en Burgos, onde ten a súa sede a empresa promotora deste reto educativo. Presentaron o proxecto en Radio Fene Paula Salgado, que é alumna de electromecánica de vehículos, e Guillerme Simo, alumno de Soldadura, e co profesor Daniel Bogo. 

 

ESCOITA O PODCAST:

“A experiencia para min foi fantástica”, di Paula. Para Guillerme o máis complicado foi “deseñar o vehículo, o que se fai fóra do taller”. O equipo do IES de Fene que participa nesta edición do Hiperbaric Challenge está composto por dez mozas e mozos que estudan nos ciclos medios de Soldadura e Caldeiraría e de Electromecánica de Vehículos Automóbiles e catro profesores que actuaron como mentores. Buscan repetir no desafío o éxito doutras edicións “levamos participando dende 2019, agás o ano da pandemia, en dúas edicións fomos campións”, lembra o profesor.

Paula, Guillerme e os seus compañeiros defenderán o seu proxecto en Burgos a semana que vén, do 19 ao 20 de xuño. Alí van competir con outros nove finalistas procedentes de distintos lugares de España. No proxecto traballaron aspectos técnicos, empresariais e deportivos. Ademais de deseñar e fabricar o vehículo co que competirán no desafío tiveron que atender labores empresariais e de organización de equipos, con labores de marketing ou búsqueda de apoios financieiros. Por iso, o Hiperbaric Challenge constitúe unha experiencia educativa moi enriquecedora que permite ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos na aula nun proxecto real, desenvolver competencias técnicas e profesionais, e adquirir habilidades relacionadas coa xestión, a comunicación, o emprendemento e o traballo colaborativo.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora