Preparan accións para persoas desempregadas

Preparan accións para persoas desempregadas
03 de Agosto, 2021 - 12:50 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene volveu concorrer este ano -xunto con Ares, Mugardos e Cabanas- á convocatoria de axudas para o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual Reinicia VIII, dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos. Se se confirma a axuda autonómica, os catro municipios acollerán nove meses de formación e prácticas remuneradas en dúas accións con 20 prazas dispoñibles: 10 sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio e 10 sobre  actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.  O Reinicia VIII non ten aberto de momento o prazo de inscrición, pero si é moi importante que as persoas interesadas  teñan ao día a súa demanda no Servizo Público de Emprego de Galicia e, ademais, que estean anotadas cos códigos de referencia para estas dúas especialidades, que son o SSCS0108 no caso de atención sociosanitaria e o AGAR0309 para o obradoiro de conservación forestal. Para obter máis información pode contactarse coa Área de Formación e Emprego "Pancho Allegue" no 981 492 767 ou en orientacion.laboral@fene.gal.

Obradoiro Reinicia

Chegado o momento, os requisitos xerais para poder participar no obradoiro de emprego e integración laboral serán o de atoparse en situación de desemprego, ser maior de 18 anos e estar empadroado ou empadroada nalgún dos catro concellos promotores. 

 

Tamén fará falla ter inscrición como demandante no SPEG, a quen se lle solicitará un listado de potenciais participantes que cumpran cos perfís aos que se dirixe a formación. Cando se confirme o desenvolvemento do programa, o Concello fará os chamamentos en base a ese listado e por iso é  tan importante figurar na base de datos do servizo público de emprego en algún dos dous códigos coincidentes coas accións que se van impartir. 

 

O Reinicia VIII está planeado con 20 prazas, a metade para Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio (fai falla ESO ou equivalente), con código SSCS0108, e a outra metade para o desempeño de Actividades Auxiliares en conservación e mellora de montes (só se esixirán estudos primarios), que se correspondería co código AGAR0309.

 

Desde a Área de Formación e Emprego "Pancho Allegue" lánzase a recomendación de que as persoas que queiran participar en calquera das dúas opcións comproben no Servizo Público de Emprego de Galicia que efectivamente teñen marcado o código que lles interesa e, en caso contrario, que aproveiten os próximos días para solicitalo.

 

O trámite pode facerse no propio SPEG ou, mellor aínda, solicitándolle cita previa á orientadora laboral de Fene no 981 492 767 ou en orientacion.laboral@fene.gal. Esta última opción é a que máis se aconsella, posto que desta maneira xa se poderá acceder a un itinerario personalizado de inserción. Tamén se poderá solicitar a participación a través da Oficina Virtual de Emprego de Galicia.

 

Quen accedan ao obradoiro de emprego recibirán capacitación teórica e práctica durante 9 meses para dous sectores con grandes perspectivas de inserción laboral. Ademais gozarán dun contrato de formación e aprendizaxe remunerado e dun período final de prácticas en empresas que finalizará coa obtención do correspondente certificado de profesionalidade.

Institucional

Publica o teu comentario agora