Preparan o San Vicenzo

Preparan o San Vicenzo
09 de Xaneiro, 2023 - 08:30 h. | Publicada por Radio Fene

A Agrupación Instrutiva de Caamouco ten a vista posta xa no San Vicenzo, o patrón da parroquia de Caamouco. A cita será o vindeiro sábado 21 de xaneiro. Como vén sendo habitual, a entidade organizou uns festexos alternativos, nesta ocasión, co concerto de Belém Tajes, excompoñente do grupo Luar na Lubre. A actuación está prevista para as 20:00 horas. Antes, a partir das 16:00 horas, a rapazada será a protagonista, cunha festa infantil na que non faltará a música e diversos xogos e que rematará cunha chocolatada. Todas as actividades son de acceso libre e de balde.

A visita da rondalla do Club de Campo de Ferrol na tarde do domingo oito de xaneiro puxo o broche de ouro á programa de Nadal organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco. O Concerto de Ano Novo contou cunha elevada participación, con preto dun cento de asistentes, malia as adversidades meteorolóxicas da xornada. A actuación arrancou cunha homenaxe á madriña da rondalla, á quen a Agrupación agasallou cun ramo de flores. Durante o concerto, a agrupación musical ofreceu unha variada escolma de boleros ou habaneras, arroupados por un público que se sumou a cantar ao longo de toda a actuación. Co Concerto de Ano Novo, a Agrupación Instrutiva de Caamouco pon o punto e final á súa programación de Nadal. Un conxunto de actividades que, de novo, volveron contar co apoio de toda a veciñanza. Entre os actos, dende a Xunta Directiva salientan a primeira edición do Merca Talento, un mercado de Nadal que achegou a Caamouco as creacións de artesáns e emprendedores da comarca. Ao mesmo tempo, dende a Agrupación salientan as distintas actividades infantís organizadas ao longo do Nadal, con dous obradoiros que mesmo superaron o máximo de participación. Ademais, a terceira edición do Concurso de Postais de Nadal deixa tamén moi bo sabor de boca con récord de participación. 

Cultura

Publica o teu comentario agora