Preparando o Chanfaina Lab

Preparando o Chanfaina Lab
11 de Agosto, 2020 - 01:04 h. | Publicada por Radio Fene

San Sadurniño non renuncia este ano a organizar unha nova edición, a sétima, do encontro audiovisual Chanfaina Lab, no que se darán cita do 3 ao 6 de setembro creadoras e creadores locais con outros chegados de fóra e cun mesmo obxectivo: produciren pequenas pezas protagonizadas pola xente e os lugares do noso territorio. Confirmaron a súa asistencia máis dunha trintena, ben a título individual ou formando parte de pequenos grupos que sempre colaboran uns cos outros para sacar adiante as súas ideas durante a primeira fin de semana de setembro. Son Abel Vega, Alberto Gracía, André Couce, Andrea Zapata-Girau, Ángela Arnosa, Bieito Beceiro, Carmen Bouza, Carmen Couce, Catalina Rodríguez, Celia Parra, Cruz Piñón, Domingo Díaz, Eloy Arnosa, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Iria Silvosa, Javier Seoane, Naraiomedia Estudios, Noelia Uceira, Pablo Martínez, Rebeca Tella, Roberto Bouza, The Sun Girls e Xavier Villaverde.

Sandra Sánchez. Fotografía Sandra G.Rey

Porén, ademais de ser escenario para as súas obras cinematográficas, San Sadurniño tamén acollerá outras actividades paralelas que forman parte do proxecto Chanfaina Lab, todas elas adaptadas ás actuais obrigas preventivas.

Xoves 3 de setembro, 9.30 a 14.30h., Casa da Cultura: Obradoiro “Corte a corte” con Fran X. Rodríguez
O realizador que nos agasallou o ano pasado coa peza “Limiar” ofreceranos nesta edición un interesante obradoiro de 5 horas de duración centrado nas técnicas de montaxe. Non fai falla experiencia previa e o obxectivo da sesión será producir unha micropelícula que non supere os 59 segundos. Rodríguez recibiu varios premios internacionais polas súas curtas. Ademais ten unha longa traxectoria como realizador publicitario e encargouse, entre outros traballos, de dirixir a cabeceira da exitosa serie “Hierro” emitida en Movistar+.

Para o obradoiro que conducirá en San Sadurniño ofrécense 20 prazas gratuítas que se cubrirán por orde de inscrición e dándolle preferencia a persoas empadroadas no noso concello.

Venres 4 de setembro, 22.00h., Praza do antigo Concello: Eira de cineastas
A Eira de cineastas supón a inauguración oficial da presente edición do Chanfaina. Nela asistiremos a unha pequena presentación de todas as persoas participantes, que repasarán a súa traxectoria audiovisual mostrándonos os fragmentos -ou pezas completas- que consideran máis representativos do seu traballo. A proxección será ao aire libre na Praza do antigo Concello. Hai 100 localidades dispoñibles que se irán asignando por rigorosa orde de petición.

Sábado 5 de setembro, 22.00h. Praza do antigo Concello: proxección ao aire libre de “O que arde”
O aclamado filme de Óliver Laxe chega a San Sadurniño cun pase gratuíto e ao aire libre que tamén terá lugar na Praza do antigo Concello. “O que arde” levou o premio do xurado Un certain regard no Festival de Cannes e colleitou tres premios Goya contando a historia da redención de Amador, un pirómano recén saído do cárcere. No filme subxace unha dura crítica ao monocultivo forestal e ás agresións ambientais que sofre Galicia, perto tamén unha mensaxe de esperanza, de que aínda se está a tempo de cambiar as cousas. O aforo para esta proxección está igualmente limitado a un máximo de 100 persoas. As entradas asignaranse por orde de reserva.

Para o curso de montaxe de Fran X. Rodríguez, para a Eira de cineastas e para a proxección de “O que arde” haberá que reservar praza ou localidade chamando ao 616 332 919 -de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00h.- ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. No caso de que chova, as dúas actividades ao aire libre trasladaranse á carpa instalada desde a semana anterior na leira da Cortiña.

Cartel de Carlos García
O Chanfaina Lab ilústrase este ano cun deseño do artista Carlos García. O debuxante tira por un tema recorrente na maior parte da súa obra, onde a natureza sempre está presente mesturada con personaxes máxicos. Trasnos, duendes e criaturas do bosque xúntanse desta vez nunha estampa presidida por Navia, deusa precristiá dos cauces fluviais, da fertilidade e do tránsito ao Alén que García sitúa como figura central da composición.

Arredor desta deidade -que conta con figura en pedra no paseo fluvial esculpida tamén polo artista- vanse dispoñendo animais, gnomos, fadas e figuras imaxinarias que utilizan cámaras, móbiles, claquetas e outras ferramentas necesarias para filmar unha escena iluminada por lucecús.

Todo un alarde creativo de Carlos García que continúa a tradición do Chanfaina Lab de adaptar ao ambiente cinematográfico fotografías antigas e cadros referidos a San Sadurniño.

 

Na imaxe, Sandra Sánchez, unha das participantes en anteriores edicións do Chanfaina Lab.

Cultura

Publica o teu comentario agora