Prevención e atención do suicidio

Programa piloto na comarca de Ordes onde se duplicou a incidencia
15 de Decembro, 2020 - 12:19 h. | Publicada por Radio Ordes

No 2018, Galicia rexistrou 274 suicidios. No mes de agosto, a asociación Andaina PSM iniciou un programa de prevención para abordar a problemática do suicidio, que ten unha elevada incidencia en Galicia. Esta experiencia piloto realizouse na comarca de Ordes que rexistra un incremento moi relevante do número de suicidios.

En Galicia no ano 2018, houbo un total de 274 suicidios (192 homes e 82 mulleres), sendo as provincias con maior taxa de incidencia Lugo (11 por cada 100.000) e A Coruña (10 por cada 100.000). Na provincia da Coruña producíronse 125 mortes (88 homes e 37 mulleres), sendo a Comarca de Ordes unha das máis afectadas. Así, no partido xudicial de Ordes, a taxa de suicidio incrementouse ata 24 persoas por cada cen mil habitantes, polo que en dito ano, a incidencia na comarca ordense veuse duplicada en relación á total de Galicia, tendencia que xa se viña observando nos anos anteriores. Alén da elevada mortalidade que esta circunstancia pode ocasionar, as súas repercusións na contorna son moi importantes, xa que as vidas das persoas achegadas vénse profundamente afectada a nivel emocional, social e económico.

Á vista dos datos rexistrados na Comarca, a asociación Andaina PSM puxo en marcha un programa de prevención do suicidio financiado pola Consellería de Sanidade e en colaboración coa Mancomunidade de Ordes. Esta experiencia piloto pretende abrir o debate sobre o suicidio e facilitar tanto a profesionais como á poboación xeral, ferramentas para a súa detección e atención.

O programa desenvolveuse a través de sesións formativas dirixidas tanto a profesionais de servizos sociais, sanitarios, do eido educativo, dos corpos de emerxencias e coa implicación dos medios de comunicación presentes na Comarca. Tamén participaron en accións de sensibilización e obradoiros as persoas afectadas e familiares, así como diversos grupos considerados vulnerables. Acompañando estas actuacións, editáronse materiais informativos como guías de autocoidado para persoas afectadas, guías para familiares e unha guía para profesionais. Este programa supuxo a primeira iniciativa a nivel comarcal para abordar unha problemática que representa un grave problema de saúde pública con arredor de 800.000 mortes anuais en todo o mundo, e que afecta a estados de diferentes condicións socioeconómicas e culturais.

O suicidio, hoxe en día, non se pode considerar un fenómeno cunha única causa, senón que diversos factores de carácter sociolóxico, psiquiátrico e psicolóxico entran en xogo en relación coa morte voluntaria. Tendo en consideración os datos oficiais e a información da que dispoñemos en torno a grupos vulnerables, factores de risco e sinais de alarma, é preciso e prioritario que a conduta suicida sexa previda e atendida eficazmente. Andaina PSM considera que o programa de prevención do suicidio obtivo unha boa acollida en Ordes, tendo en conta que máis de cen persoas participaron nalgunha das actividades e que, en xeral, foi valorado como un punto de partida necesario para abordar un problema complexo que ven incidindo de xeito salientable na comarca dende hai tempo e ao que se precisa dar continuidade e maior profundidade.  

(Na imaxe unha das charlas do programa)

 

Andaina Pro Saúde Mental,  Andaina PSM, é unha asociación de persoas e familiares afectadas por trastorno mental grave que ten como finalidade prestarlles apoio e atención, fomentando a autonomía e dando sentido ao seu desenvolvemento cotiá. A traxectoria de Andaina PSM neste labor inicia no ano 2010, e dende o ano 2018 traballa tamén na Comarca de Ordes, mantendo en funcionamento un Centro de Rehabilitación Psicosocial que actúa como unidade de apoio comunitario para a recuperación da persoa a través de programas e servizos tanto a nivel individual como familiar.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora