Primavera no camiño inglés a Santiago

Primavera no camiño inglés a Santiago
29 de Maio, 2025 - 10:01 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene participará un ano máis na feira turística Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa finalidade de promover o patrimonio, a cultura e a oferta turística dos concellos polos que discorre esta histórica ruta xacobea. A cita celebrarase o sábado 31 de maio no Parque da Rúa, en Miño, con programación ininterrompida de 10:00 a 20:00 horas. No seu espazo propio, o Concello de Fene centrará a súa presenza en destacar a riqueza cultural e festiva, con especial atención a eventos de referencia como o FeneRock, o Felicia Pop ou o Perla Mural Fest, ademais da exposición das Lavandeiras de Sillobre, un proxecto que une tradición, memoria e identidade.

 

Fotografia Xan Xe

Durante a xornada tamén se proxectará un vídeo promocional, no que se recollen imaxes destas festas e actividades culturais, así como referencias ao turismo gastronómico —coa Confraría de Barallobre como protagonista—, a creación artística local, representada por Laudas Calamity, ou a música tradicional galega, con Airiños de Fene.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, destacou que “esta feira é unha oportunidade excelente para amosar todo o que Fene ten para ofrecer, desde os nosos festivais e tradicións ata o potencial creativo e gastronómico que nos distingue”. “Queremos que a xente saiba que Fene é un destino que combina cultura, natureza, sabor e memoria, e que aposta por un turismo sostible e de calidade”, engadiu.

A feira contará, ademais, cunha ampla programación de actividades culturais e gastronómicas, mercado de artesanía, obradoiros para crianzas e actuacións musicais, convertendo o espazo do Parque da Rúa nun punto de encontro para descubrir a diversidade dos concellos do Camiño Inglés.

Coa participación neste evento, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa promoción do concello como parte activa da rede do Camiño Inglés e como destino de referencia no eido cultural e turístico da comarca. Tamén participarán na xornada os restantes Concellos atravesados polo camiño inglés a Santiago de Compostela. 

 

Na imaxe Laura Bouza do laboratorio de criación artística Laudas Calamity, unha das iniciativas de Fene que se amosará na feira este sábado en Miño

Fotografía Xan Xe

Sociedade

Publica o teu comentario agora