Problema resolto

Problema resolto
17 de Febreiro, 2026 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

A obstrución dun rexistro polo desprazamento do toro dunha árbore provocou o desbordamento puntual do río Cádavo na rúa San Estevo. A rápida intervención municipal permitiu resolver a incidencia sen apenas danos materiais. O Concello de Fene destaca que as actuacións preventivas que se veñen realizando reduciron drasticamente o risco de inundacións.

Resolto o pequeno desbordamento puntual do río Cádavo que se produciu onte na contorna da rúa San Estevo. O Concello informa de que foi  causado pola obstrución dun rexistro ao quedar atravesado o toro dunha árbore arrastrado polo elevado caudal do río. A acumulación dese toro impediu o correcto paso da auga, provocando unha saída puntual da mesma. Ante a imposibilidade de retirar o obstáculo de maneira manual, valorouse e executouse a apertura dun pequeno treito do aglomerado, actuación que permitiu liberar o rexistro e restablecer con rapidez o funcionamento normal da canle. A intervención resultou efectiva e evitou que a situación tivese maiores consecuencias. O Concello ten previsto estudar a posibilidade de instalar un rexistro de maior tamaño nese punto concreto, co obxectivo de minimizar o risco de incidencias semellantes no futuro en episodios de fortes choivas.

“Hoxe o nivel de risco xa remitiu, grazas á rápida resposta do Concello e ao bo funcionamento das medidas preventivas postas en marcha”, destacou a alcaldesa, Sandra Permui. A rexedora subliñou tamén que “as actuacións de prevención e limpeza realizadas nos últimos anos foron determinantes para que non se producisen inundacións como as que se viñan rexistrando no pasado na rúa Río Cádavo”. Os traballos de mantemento e limpeza do leito do río, xunto coa adquisición en 2023 da parcela situada en Perlío, permitiron mellorar de maneira significativa o comportamento hidráulico do río Cádavo, reducindo o risco de inundacións en episodios de choivas intensas.

Sandra Permui destacou que “falamos dun episodio moi localizado e de pequena entidade, que se resolveu con rapidez grazas á intervención inmediata dos servizos municipais”. Durante a xornada de onte, cando o río Cádavo chegou a situarse en nivel vermello no Plan Inungal, o Concello mantivo activado un operativo de seguimento e coordinación no que participaron Policía Local, Protección Civil e persoal municipal. A alcaldesa, xunto co concelleiro de Servizos, Adán Chao, estivo presente coordinando e avaliando a evolución da situación sobre o terreo.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora