Problemas na familia

Problemas na familia
26 de Outubro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Calquera familia de Fene que viva situacións de conflito pode acudir aos Servizos Sociais a pedir orientación. Desde hai vintecinco anos o Concello de Fene desenvolve un programa de intervención familiar do que informou en Radio Fene a psicóloga Genoveva Sayago.

ESCOITA O PODCAST:

“Partimos da base de que a familia ideal non existe”, advirte Genoveva Sayago. “Buscamos producir pequenos cambios”. Traballan con familias nas que se viven situacións de conflito, algúns casos son derivados desde outras institucións como centros escolares, a Xunta ou mesmo a Fiscalía, pero tamén poden acudir directamente as familias.

“Se hai algún problema de conduta, algunha situación que non sabe resolver, algún tema de mediación en separacións, poden demandar atención en Servizos Sociais”. Con elas elaboran un plan de traballo no que é moi importante o compromiso da familia, aínda que non sempre se dá. “Hai algunhas moi resistentes ao cambio, que teñen normalizadas situacións que non o son”. Os servizos sociais fan seguimento directo dos casos que mesmo inclúe visitas a domicilio. 

Na inmensa maioría dos casos, hai menores implicados. En situacións de risco, “vai depender de que esa familia provoque cambios no seu funcionamento que os menores poidan seguir no seo familiar ou sexa necesario adoptar algunha outra medida de protección”, sinala a psicóloga municipal. 

Institucional

Publica o teu comentario agora