Produtos únicos, creativos e orixinais

Produtos únicos, creativos e orixinais
04 de Febreiro, 2022 - 12:28 h. | Publicada por Radio Fene

O paseo marítimo de San Valentín acollerá durante toda a xornada deste domingo 6 de febreiro a Feira de Artesanía organizada pola Concellaría de Promoción Económica de Fene, na que se darán cita 21 postos. A iniciativa busca poñer en valor a creación de proximidade ofrecéndolles ás artesás e artesáns participantes un espazo compartido -baixo carpa- no que expor e vender as súas manufacturas. 

ESCOITA O PODCAST:

A concelleira de Promoción Económica de Fene Ana Basoa fala da Feira de Artesanía http://173.255.131.18/audio/040222BASOA.mp3

A Concellaría de Promoción Económica reuniu 23 expositores -algúns deles comparten posto- que presentarán unha grande variedade de produtos e prezos, co nexo común de tratarse de pezas case únicas, feitas á man coa máxima dedicación e co selo persoal das súas creadoras e creadores. 

 

En San Valentín atoparemos practicamente de todo: coiro, téxtil, moda, complementos, mobles, decoración, cerámica... aos que se lle engaden delicadezas de chocolate e chacinas e embutidos procedentes da alta montaña luguesa.

 

A maioría de participantes son persoas autónomas de Fene e da volta da ría, aínda que tamén hai representación das comarcas do Eume, Ortegal, das Mariñas coruñesas e mesmo asturiana. 

 

A feira comezará ás 10:00h e prolongarase sen interrupción até as 20:00h dun domingo de transición cara ao anticiclón que se agarda fresco pero soleado. Con tempo favorable e tendo en conta o espazo elixido -o paseo de San Valentín- agárdase que a cita sexa concorrida durante todo o día, beneficiándose do constante tránsito dominical de camiñantes que pasan pola zona. 

 

Ademais, tal e como se sinala desde a área de Promoción Económica e Turismo, a Feira de Artesanía é unha escusa perfecta para achegarse ata Fene gozar da paisaxe e da gastronomía locais.

Sociedade

Comentarios

Paréceme estupendo, tanto para os mercantes que veñen como para a xente de San Valentín, xa bastante abandonada e desatendida por moitos. A lo menos, e unha boa opción para o comercio e para que a xente empece novamente a sair da casa... "que xa vai sendo hora". Boa iniciativa... e que siga!!!
Nome: 
Alfonso Salceda Gómez

Publica o teu comentario agora